top of page

Dozón arranca o proceso para rehabilitar a casa consistorial co Plan ReacPon da Deputación

O proxecto converterá a Casa do Concello nun edificio innovador, igualitario e sostible para prestar un servizo público de calidade, inclusivo e accesible


Laura Moure/Dozón

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Dozón, Adolfo Campos, asinaron hoxe o convenio do Plan ReacPon co que o Concello do Dozón arranca o procedemento para a rehabilitación da casa consistorial que converterá o edificio nunha infraestrutura innovadora, igualitaria e sostible que contribuirá a prestar un servizo público de calidade, inclusivo e accesible. Cun orzamento de 405.381,92 euros, dos que a Deputación achega 333.339,11, a actuación, que xa está licitada, corrixirá as deficiencias actuais do inmoble, e tamén está enmarcada no fomento da igualdade de oportunidades entre o rural e o urbano.

A presidenta provincial, Carmela Silva, afirmou estar "encantada de que o Concello de Dozón presentara este proxecto" como o feito de rehabilitar "a casa do pobo" porque é "o espazo onde nos relacionamos coa xente e onde lle prestamos servizos". Deste xeito, subliñou que "a xente, viva onde viva, ten que ter equipamentos dignos porque os merece" e con esta actuación as e os veciños de Dozón terán unha casa consistorial "pública, innovadora, igualitaria -un aspecto que resaltou de xeito particular- e sostible e isto vai a permitir que se poia prestar un servizo público de calidade, inclusivo e accesible".


A presidenta gabou a idea de Dozón de darlle o nome dunha galega ilustre á sala multiusos do edificio xa que "é fundamental que fagamos recoñecementos a grandes mulleres que tanto aportaron. Creo que esta provincia é das provincias de toda España con maior compromiso coa igualdade". Tamén eloxiou a creación dunha oficina vencellada ás persoas peregrinas e que as actuacións "compren con todos os requisitos dos fondos Next Generation e tamén coa Axenda 2030".


Carmela Silva puxo en valor ao mundo local porque "todos os concellos están a mostrar ser eficientes, eficaces, teñen as cousas claras e desenvolven proxectos moi potentes e moi avanzados". Tamén puxo en valor o propio plan ReacPon que dá "a capacidade de ter recursos para facer fronte a obras especiais". "De feito -recalcou- eu sempre reclamo tanto ás comunidades autónomas como ao goberno do estado que temos que ter un financiamento local que nos permita ter recursos suficientes para ter dereitos e servizos. Ademais, poñer á disposición dos concellos recursos para que poidan investir significa tamén xerar actividade económica e emprego".


Pola súa banda, o alcalde Adolfo Campos resaltou que sen un programa como o ReacPon "realizar un investimento destas características tería sido moi complicado" e agradeceu "á institución e á presidenta o bo facer así como a idea magnífica de poñer á disposición dos concellos estes fondos. Non se me ocorre ningunha sola tacha ou ‘pero' que poñer a este programa, dígoo absolutamente convencido". O alcalde de Dozón explicou que a idea é "actualizar e modernizar a casa consistorial o que supón un investimento realmente importante tendo en conta orzamentos que manexamos". O plan ReacPon foi para o concello de Dozón de "máximo interese e traballamos duramente nun tempo récord para materializar este proxecto". Para Adolfo Campos as actuacións van a permitir ter unha "casa consistorial actualizada, do século XXI" xa que o edificio actual ten preto de 50 anos e "unhas carencias importantes que este proxecto soluciona". Con estes fondos, a cidadanía poderá "ter un servizo equiparable a calquera outro concello da provincia que me parece que é unha parte básica e que cumpre coa igualdade de oportunidades en todos os concellos " xa que hai que ter en conta que este é o segundo concello máis pequeno da provincia de Pontevedra.


O proxecto

A actuación constará dunha redistribución interior da edificación, mellorando as condicións de uso das diversas estancias que a compoñen tanto para as persoas traballadoras como para as usuarias. Deste xeito, trasladaranse á planta baixa todas as estancias dirixidas á atención directa á cidadanía e agruparanse na planta alta as vinculadas á administración municipal.


A nova Casa Consistorial será un edificio dixitalizado coa incorporación de novas tecnoloxías que facilitarán o acceso autónomo por parte da cidadanía, con pantallas ou sistemas guiados por voz. Incorporaranse criterios de eficiencia enerxética (como a substitución das luminarias actuais por outras LED), redución do consumo de auga e mellora das condicións térmicas interiores. Tamén se mellorarán as condicións de salubridade do aire interior, con medidores de CO2 que garantan a dilución de aerosois (importante na situación de pandemia actual). Igualmente, dotarase ao edificio de accesibilidade ao instalarase un salva escaleiras e aseos adaptados en todas as plantas.


O proxecto tamén estará aliñado coas políticas de igualdade. Neste senso, porase o nome dunha galega ilustre ao espazo multiusos e instalarase na entrada do edificio unha placa en homenaxe ás mulleres rurais. Ademais, crearse unha Oficina de Igualdade de apoio á muller na que se dará atención xurídica, social e psicolóxica ás que o precisen. Tamén haberá unha oficina vencellada coas persoas peregrinas onde se achegará todo tipo de información sobre o patrimonio cultural e natural do concello.


O Plan da Deputación ReacPon, dotado con 26,3 millóns de euros, beneficiará a 47 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Contou con bases esixentes e criterios obxectivos, aberto a proxectos maduros que contribúan a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e nos fondos europeos. O programa suporá nestes concellos, ao longo do próximo ano e medio, a execución de ata 25 actuacións de mobilidade segura, tres novas bibliotecas, cinco reformas de casas consistoriais, cinco reformas de espazos culturais, a ampliación ecolóxica dun cemiterio e oito novas infraestruturas deportivas.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page