A partida para investimentos increméntase nun 34,4% e sitúase en 741.847,46 euros, “unha cifra récord” que representa o 46,4% do orzamento
Ecos da Comarca/Dozón
O grupo de goberno de Dozón aprobou en solitario nun pleno extraordinario celebrado esta mañá -coa abstención de UCIN e o voto en contra do BNG- “o orzamento máis alto da historia” deste concello, que ascende a 1.600.000 euros tras incrementarse un 17,8 por cento (285.000 euros) respecto ao orzamento de 2021, que era de 1.315.000 euros.
O alcalde, Adolfo Campos Vázquez, aproveitou a súa intervención para remarcar o “enfoque inversor” destes orzamentos, xa que o capítulo de investimentos medra nun
34,4% respecto ao orzamento anterior e sitúase en 741.847,46 euros, “unha cifra récord” que representa o 46,4% do orzamento.
Neste capítulo figuran partidas para a mellora de diferentes infraestruturas viarias e equipamentos públicos, así como unha consignación de 333.339 euros para o proxecto de reforma integral da Casa Consistorial acollido ao programa ReacPon, que supón un investimento global de 405.381 euros. Segundo explicou o rexedor, “esta espectacular porcentaxe de investimentos é posible grazas ao esforzo para conter o gasto corrente, que proporcionalmente baixa nun 9% respecto ao orzamento de 2021”.
Ademais, Adolfo Vázquez incidiu en que estes orzamentos, cunha ratio de máis de 1.500 euros por habitante, reflicten “a gran capacidade de xestión do goberno”, que permite que “de cada 100 euros destes orzamentos só proveñan dos impostos dos veciños de Dozón 24,4 euros, mentres que o resto son achegas doutras administración”. Neste senso, fixo fincapé tamén en que o Concello de Dozón manterá en 2022 a mesma carga impositiva que nos exercicios anteriores, “sendo unha das presións fiscais máis baixas de toda a provincia”.
コメント