O alcalde salienta que "o 51,2 % do orzamento adicouse a investimentos, mentres que a media desta ratio nos concellos galegos non alcanza o 25% "
O consistorio de Dozón
Laura Moure/Dozón
O goberno local de Dozón deu conta na sesión plenaria de onte da liquidación do exercicio de 2020, que ascendeu a 2.112.000 euros, tras incrementar en 812.000 euros o 1.300.000 euros do orzamento inicial. O alcalde, Adolfo Campos Vázquez, salientou que eses 812.000 adicionais, que representan o 62% do orzamento, foron froito das xestións realizadas polo goberno local con outras adminitracións, fundamentalmente a Xunta de Galicia, para captar subvencións e achegas.
Tras subliñar que o goberno de Dozón alcanzou en 2020 un nivel de execución do orzamento do 97%, “cifra récord moi por enriba da media doutros concellos”, Adolfo Campos puxo en valor “a forma de xestionar os cartos públicos, priorizando a contención dos gastos de persoal e en bens correntes e servizos para poder multiplicar os investimentos”. Cifrou os gastos de persoal nun 22,5% do orzamento e os gastos en bens correntes e servizos nun 23,7%, mentres que “os investimentos disparáronse ata o récord do 51,2%, mentres que a media desta ratio nos concellos galegos non alcanza o 25%”. “Fomos austeros nos gastos e expansivos nos investimentos”, explica o alcalde, que incide en que “as cifras constatan a capacidade do goberno local para captar fondos doutras administracións e a eficacia á hora de xestionar os cartos públicos de forma responsable e produtiva”.
En relación aos investimentos realizados, lembrou que as principais partidas foron para a construción do viveiro de empresas (278.000 euros), viais e saneamentos no polígono industrial (162.000 euros), arranxo de camiños (máis de 100.000 euros), a Casa do Maior (48.000 euros), reforma de vivendas (48.000 euros), abastecemento na Gouxa e Cubelos (40.000 euros), iluminación no núcleo do Castro (36.000 euros) e melloras en locais sociais (25.000 euros), entre outras actuación.
No pleno tamén se dou conta do informe que acredita que a liquidación do exercicio de 2020 cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria, coa regra de gasto e co nivel endebedamento.
Viveiro de empresas e convenio de prevención de incendios
Por outra banda, no pleno de onte o goberno local tamén aprobou en solitario -coa abstención do edil de UCIN e os votos en contra do BNG- a ordenanza fiscal reguladora dos prezos de aluguer do novo viveiro de empresas, cun prezo de 0,40 euros por metro cadrado ao mes, o que supón unha taxa un 82% máis barata que a do viveiro de empresas situado no Parque Empresarial Lalín 2000. “A nosa intención é ofrecer unhas condicións realmente vantaxosas para que o viveiro se encha con proxectos que prioricen a creación de postos de traballo”, explicou.
Finalmente, tamén se aprobou cos votos favorables do PP e UCIN e a abstención do BNG a adhesión ao convenio de colaboración asinado entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.
Comentários