As persoas interesadas dispoñen dun prazo de cinco días naturais para presentar a instancia coa solicitude a través da sede electrónica do concello
Laura Moure/Dozón
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou este venres a convocatoria do proceso de contratación dun director e dous expertos docentes para o Obradoiro de emprego dual Freixo, promovido polo Concello de Dozón coa colaboración dos de Rodeiro e Agolada e orientado á formación de 20 persoas desempregadas nas especialidades de xardinería e traballos forestais.
Segundo a convocatoria, as persoas interesadas nos postos de director do obradoiro de emprego e de expertos docentes en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería dispoñen dun prazo de cinco días naturais contados dende este sábado, día 9, para presentar a instancia coa solicitude a través da sede electrónica do Concello de Dozón.
Para as tres prazas a contratación ofrécese a xornada completa (40 horas) durante un período de nove meses, cun horario laboral de 7:00 a 15:00 horas, de luns a venres. No caso do posto de director, a retribución bruta mensual ascende a 2.568,88 euros e no
caso dos expertos docentes, a 2.462,65 euros.
Os aspirantes ao posto de director deben posuír titulación universitaria e ter experiencia profesional relacionada coas función a desempeñar de polo menos 18 meses nos últimos 10 anos. No caso do experto docente en conservación e mellora de montes, requírense estudos universitarios de enxeñeiro de Montes ou enxeñeiro Técnico Forestal, técnico superior en Xestión de Recursos Naturais e Paisaxísticos ou certificados de profesionalidade de nivel tres da familia profesional agraria na área forestal.
En canto ao experto docente en viveiros, xardíns e centros de xardinería, os estudos requeridos son enxeñeiro agrónomo ou enxeñeiro de Montes, licenciado en Bioloxía, enxeñeiro técnico agrícola ou forestal, técnico e técnico superior en Xestión e Organización de Empresas Agropecuarias ou en Xestión e Organización de Recursos Naturais e Paisaxísticos, técnico en Xardinería ou certificados de profesionalidade nivel tres da familia profesional agraria na área de xardinería.
ความคิดเห็น