A Garda Civil informa que aceptaban os pagos con tarxetas bancarias e en ningún caso enviaban a compra
Ecos da Comarca/Deza
A operación denominada Cacheira, levada a cabo polo Grupo de Patrimonio da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra e o Equipo de Policía Xudicial de Lalín, coa colaboración da Comisaria da Policía Nacional de Xaén, iníciase a principios do ano 2024, ao recibir unha denuncia dunha estafa na internet pola compra dun produto que nunca se recibiu, tal e como informa a oficina de prensa da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. Están implicados un veciño de Silleda e outro de Lalín.

A partir dese momento, realízase un filtrado de delitos con idéntico “modus operandi” e recompílanse todas as denuncias a nivel nacional detectadas relacionadas co feito investigado, en total máis dun centenar.
Compróbase a existencia de varias webs fraudulentas de venda de diferentes artigos, nas que os clientes realizan as compras mediante pagos con tarxeta de crédito e non se chega a recibir a compra, perdendo o importe da mesma. O diñeiro ingresado por estas webs fraudulentas, era derivado a diferentes contas bancarias, realizando unha actividade de traspaso creando unha complexo rede de operacións que dificulte o rastrexo do mesmo, para desviar estes fondos a outras contas e desde alí darlles unha aparencia de orixe lícita, o que coincide coas fases previas ao branqueo de capitais, e motiva o inicio da presente investigación.
Publicidade
A partir deste intre realízase unha análise das distintas webs, e direccións IP dos computadores desde os que xestionaban as transaccións e contas bancarias vinculadas aos pagos por internet, e constata que o grupo operaba desde a provincia de Pontevedra, con colaboradores en Barcelona. Do estudo de máis de 100 contas bancarias de distintas entidades, confírmase a autoría do delito de branqueo de capitais, tras comprobarse que se realizou todas as etapas de consumación do delito: colocación do diñeiro en efectivo, fraccionamento, transformación do diñeiro e investimento do capital obtido ilicitamente; ademais considérase o tipo agravado, por realizarse dentro dun grupo criminal.
Calcúlase que obtiveron de forma ilícita, máis de 176.000 euros. No mes de novembro de 2024, practicouse a primeira detención dun dos compoñentes do grupo, un mozo de 21 anos, residente en Silleda (Pontevedra), como principal responsable do presunto delito de branqueo de capitais. Este mozo foi posto ao dispor xudicial quedando en liberdade con medidas cautelares, ademais, tiña en vigor unha orde de procura e detención por un Xulgado de Cádiz, por feitos relacionados con esta investigación.
O 21 de xaneiro de 2025, en Sant Andreu da Barca (Barcelona), tomouse declaración en calidade de investigados a outros dous compoñentes do grupo, ambos de 24 anos de idade, e residentes en Barcelona, como os presuntos autores da realización das webs fraudulentas. Finalmente, o pasado día 24, en Lalín (Pontevedra), cítase en calidade de investigado a outro home de 24 anos, veciño da localidade, como outro dos integrantes do grupo, que utilizaba as webs fraudulentas para a venda de artigos en liña. A investigación foi dirixida polo Xulgado de Instrución número 1 de Lalín e coordinada polo Fiscal especialista de delitos económicos da Fiscalía de Pontevedra.
Commentaires