Ecos da Comarca/Xeral
Dous traballadores perden a vida na Cañiza ao quedar atrapados baixo sacos de plástico derretido. O 112 Galicia activa os recursos de atención psicolóxica especializada, a disposición de familiares e compañeiros.
Pasaban apenas uns minutos das dúas desta madrugada cando un compañeiro dos falecidos chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Tal e como indicou, había dous operarios atrapados baixo uns sacos de granza, gránulo de plástico derretido. Temía polas súas vidas.
Publicidade
Así, os xestores do 112 puxeron en marcha os protocolos correspondentes para a mobilización dos equipos de rescate das bases de Ponteareas e Ribadavia, isto é, aos membros do GES-Bombeiros de Ponteareas e ao GES de Ribadavia. Tamén informaron aos Bombeiros de Baixo Miño, que descartaron intervir ao confirmar cos compañeiros xa desprazados que había medios e recursos suficientes para facer fronte ao rescate. Deste xeito, antes de que deran as catro da madrugada, os corpos sen vida dos dous operarios estaban liberados.
Pola súa banda, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 nada puideron facer por salvar a vida das vítimas, tal e como avanzaba o alertador. Segundo explicou, el atopábase noutra zona da planta de reciclaxe de plástico situada no polígono industrial e, cando se achegou, a situación era xa irreversible.
Publicidade
Neste operativo, interveu tamén a Garda Civil, e foron informados os psicólogos do Grupo de Intervención especializada en graves emerxencias e catástrofes por se alguén necesitase o seu apoio.
コメント