Dous evacuados con síntomas de intoxicación polo mal funcionamento dun quentador en Monterroso
- ecosdacomarca

- 25 dic 2021
- 1 Min. de lectura
Unha das persoas chegou a perder o coñecemento
Ecos da Comarca/Monterroso
Dúas persoas foron evacuadas na noite de onte con síntomas de intoxicación por inhalación de gas. Ocorreu nun domicilio no lugar de Fufín, no concello de Monterroso, onde os equipos de intervención puideron comprobar como un escape de gas producido por un quentador provocou malestar xeral aos dous ocupantes da vivenda.
A chamada de alerta ao 112 Galicia foi realizada por un dos implicados preto das dez horas da noite. Durante a comunicación, o alertante informaba que el e un familiar comezaron a sentirse mal mentres cociñaban a cea. De feito, un deles chegou a perder o coñecemento. Segundo o seu relato, ambos abandonaron a vivenda ao desconfiar que os síntomas podían estar relacionados cun escape de gas.
Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos profesionais sanitarios, dos Bombeiros de Chantada e do GES de Monterroso.
Finalmente, os servizos de emerxencia comprobaron que un quentador da vivenda tiña a ventilación obstruída, o que puido ocasionar a acumulación nociva de gas. Os ocupantes do inmoble foron evacuados polo equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061ao PAC e, posteriormente, trasladados ao centro hospitalario de referencia.
Cómpre sinalar que desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos axentes da Garda Civil e informouse tamén aos efectivos de Protección Civil da localidade e á empresa subministradora de gas da zona.







Comentarios