Ecos da Comarca/Xeral
Dous adultos e un bebé foron trasladados logo dun incendio provocado por unha estufa eléctrica na súa vivenda de Cuntis, tal e como informa o 112 Galicia. O lume afectou ás paredes e ao teito da cociña e provocou queimaduras aos dous adultos. O bebé tamén foi evacuado a un centro hospitalario para ser valorado.

Contra as 15:10 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun incendio nunha vivenda do lugar da Raxeira, en Couselo. O alertador explicou que había polo menos unha persoa que non conseguía saír ao exterior da casa.
De inmediato, desde o 112 Galicia activouse un operativo para o que se solicitou a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Salnés, da Garda Civil, do Servizo Municipal de Protección Civil da Estrada e da Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil de Cuntis.
Publicidade

Os servizos sanitarios confirmaron que estaban a desprazar o helicóptero medicalizado con base en Santiago, ademais dunha ambulancia. Naquel momento, unha das persoas estaba xa fóra da vivenda, pero precisaba asistencia sanitaria urxente.
Publicidade
Os equipos de extinción informaron pouco despois de que o lume estaba xa apagado e que os dous adultos presentaban queimaduras de gravidade. Ambos foron evacuados ao hospital de referencia, un deles a bordo da aeronave medicalizada. Pola súa banda, o bebé tamén foi trasladado a un centro hospitalario para ser valorado polos profesionais sanitarios.
Commentaires