top of page

Dona Cobiña volve Alimentaria Barcelona 2026 para presentar as novidades e buscar novas sinerxías

A queixería da Cooperativa Cobideza estivo presente na feira dirixida a público profesional baixo o paraugas da Axencia Galega da Calidade Alimentaria


Laura Moure/Deza

Dona Cobiña formou parte dos produtores que asistiron a Alimentaria Barcelona 2026 baixo o paraugas da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). A queixería agoladesa, pertencente á Cooperativa Cobideza, chegou ao evento o luns co obxectivo de dar a coñecer os novos produtos e poder establecer novas sinerxías. 

María Manteiga.
María Manteiga.

No posto da queixería, estivo durante estes días María Manteiga, enxeñeira agrónoma integrante do equipo de Dona Cobiña. Resalta que tras varias edicións sen asistir, “vimos necesario volver ter presencia nesta cita, de grande relevancia para o sector agroalimentario”. Engade que foron catro xornadas intensas, nas que puideron ter contacto con distribuidores e tendas “que doutro xeito resulta máis complexo”. 


Finalizou a feira e Manteiga afirma que as “sensacións son boas, houbo interese nos nosos queixos e os comentarios que fun recibindo todos foron en positivo, así que agardo que de aquí saian novos acordos e produtivos”. 

 PUBLICIDADE


Durante estes días, tamén contou coa visita doo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, xa que Dona Cobiña formou parte das 24 empresas coexpositoras do sector alimentario que formaron parte do stand de Agacal, que tamén formou parte da organización de actividades de promoción, na Aula de Catas e Degustacións, de produtos galegos con selo de calidade diferenciada, entre os que estivo o Cobiña Arzúa-Ulloa eco, por ter o bronce na Cata de Queixos de Galicia. 


A cita bianual de Alimentaria Barcelona é unha das maiores feiras profesionais da industria de alimentos, bebidas e gastronomía a nivel internacional onde participaron máis de 3.000 empresas expositoras procedentes duns 60 países e preto de 110.000 visitantes, dos cales o 25% son internacionais. 

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Novos produtos

Nesta edición chegaron con dous novos produtos destacados. Un é o requeixo, que leva xa uns meses saíndo ao mercado e “pouco a pouco vai tendo máis demanda”, puntualiza Manteiga. Destaca por ser un requeixo ecolóxico, feito de xeito artesanal e que perfecto para torradas, comer con mel ou azucre. 


Nas últimas feiras, Feira da Alvariza e Feira do Cocido, as persoas visitantes ao seu stand puideron catar e opinar sobre outro queixo: o curado. “Vimos a necesidade de introducir este queixo, cunha curación de seis meses, que ten unhas características organolépticas similares ao noso redondo convencional”, explica. Este queixo está espertando interese e xa está chegando ás tendas de produtos gourmet. 



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page