Javier Ramos e Álex Moure participarán nas vodas de prata da cita dezá
Laura Moure/Lalín
Chegan as vodas de prata do Rali do Cocido de Lalín, unha data marcada no calendario de Disiclín Racing dende fai meses ó ser a proba da casa. Logo de ter participado en 2019 nos rallyes de Ourense, Cocido e Isla Bonita, e cun 2020 sen probas debido á pandemia mundial que sufrimos, Javier Ramos regresa ós treitos nun Rali do Cocido puntuable para a recén recuperada Copa de España de Rallyes de Asfalto.
Para o Rali do Cocido, Ramos decantouse por unha moderna unidade do Vokswagen Polo GTI R5 do seu preparador de confianza, ArVidal Racing.
"Por motivos de traballo, únicamente podo participar nalgunha proba de forma esporádica, pero o Rali do Cocido sempre está marcado na axenda”, sinala Javier Ramos. Respecto do vehículo a empregar no Cocido, Ramos comenta que “xurdiu a oportunidade de participar no Volkswagen Polo GTI R5, un moderno vehículo da categoría Rally 2, que na actualidade lideran os campionatos nacionais. No noso caso, o obxectivo pasa por adaptarnos a el para que nos facilite un pouco o traballo á hora de encarar uns treitos tan exigentes como son os do Rali do Cocido".
Comments