top of page
Foto del escritorLaura Moure

Deza, A Ulloa e Terra de Melide, en risco extremo de incendio, e a de Arzúa, está no nivel moi alto

En canto á alerta sanitaria por altas temperaturas, as comarcas de Arzúa, Terra de Melide e A Ulloa están no nivel laranxa e Deza, no amarelo


Laura Moure/Xeral

A Xunta de Galicia, a través do seu Comité Permanente de Coordinación, no marco das Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, aumenta o nivel de alerta a nivel 2 (laranxa) na zona isotérmica do Interior da Coruña e nas provincias de Lugo e Ourense, continuando en nivel 3 a zona de Valdeorras. Isto leva ademais a un maior risco de incendios forestais, polo que é preciso extremar as precaucións.


Por tanto, para a xornada deste mércores os niveis de alerta sanitaria serán:

Nivel 3 (vermello)

Valdeorras: O Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.

Nivel 2 (laranxa)

Toda a provincia de Lugo.(Polo tanto, das comarcas, figuran Antas de Ulla, Monterros e Palas de Rei).

Toda a provincia de Ourense.

Interior da Coruña: Ames, Aranga, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, A Capela, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesía, Monfero, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, As Pontes de García Rodríguez, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vilasantar.


Nivel 1 (amarelo)

Resto de Galicia.(Polo tanto, das comarcas, figuran a Comarca de Deza: Agolada, Dozón, Lalín, Silleda, Rodeiro e Vila de Cruces).


Segundo a previsión meteorolóxica facilitada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (MeteoGalicia), hoxe mércores seguirá sendo un día con máximas por riba dos 40 ºC no Miño de Ourense e Valdeorras e dos 34 ºC na gran parte de Galicia. O xoves as temperaturas iniciarán o descenso, sobre todo as máximas, soamente superándose os 36 ºC en puntos da provincia de Ourense, rematando a semana cun progresivo descenso.



RISCO DE INCENDIOS

O índice de risco diario de incendio forestal, tal e como informa a Consellería de Medio Rural, establece diariamente e para cada unha das épocas de perigo ou risco de ocorrencia dun lume forestal, a probable propagación e o comportamento dun lume forestal nunha zona concreta do territorio galego, cuxos niveis son baixo (1, cor azul), moderado (2, cor verde), alto (3, cor amarela), moi alto (4, cor laranxa) e extremo (5, cor vermella).

(Actualizado hoxe mércores, 23 de agosto ás 9:45 horas. Fonte: Consellería de Medio Rural)


Para o establecemento do Índice de Risco Diario de Incendio (IRDI) tense en conta, tal e como sinala Medio Rural, o análise dos diversos factores que inflúen no comportamento do lume, tales como:

  • Condicións de seca dos últimos meses: estado de turxencia das matogueiras.

  • Condicións de seca das últimas semanas e días: estado do pasto e combustibles mortos medios e grosos.

  • Condicións actuais de humidade e temperatura: estado dos combustibles mortos finos.

  • Condicións actuais de vento: efecto da propagación do vento.


Efectos sobre a saúde


Tal e como indican as Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, a Dirección Xeral de Saúde Pública, no seu labor de coordinación, comunica a situación de alerta ao Servizo Galego de Saúde, ao Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia e á Consellería competente en Política Social e Xuventude para a activación dos seus protocolos específicos.


A exposición a temperaturas excesivas pode provocar problemas de saúde como mareo, cansazo, debilidade, fatiga, cambras musculares, síncope, deshidratación, insolación e golpe de calor.


Publicidade

A gravidade dos trastornos producidos polo exceso de calor vai desde os leves, como edemas nas extremidades, as cambras ou o esgotamento, ata a forma máis grave, que é o golpe de calor. O esgotamento pola calor prodúcese logo de varios días de calor. Os principais síntomas son sudación excesiva, dor de cabeza, debilidade, fatiga, mareos, náuseas e desmaio. As cambras musculares do abdome e das extremidades son debidas á perda de sales e electrólitos. Prodúcese cando se súa moito, habitualmente durante una actividade física intensa.


Pola súa parte, o golpe de calor aparece cando o organismo perde o control da temperatura corporal que sobe por riba dos 39 °C, provocando dano no sistema termorregulador, cun alto risco de mortalidade. Os síntomas son redución ou cesamento da sudación (síntoma precoz), cefalea, mareo, confusión, taquicardia, pel quente e seca, inconsciencia e convulsións. Neste caso deberase chamar inmediatamente ao 061 e intentar baixar a temperatura con panos fríos humedecidos.


Terase especial vixilancia coas persoas vulnerables, como as persoas maiores e os nenos e nenas moi pequenos, así como as persoas que padecen patoloxías cardiovasculares.


Recomendacións

  • Beber máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos.

  • Evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas.

  • Evitar comidas copiosas e aumentar o consumo de verduras e froitas.

  • Usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

Publicidade

  • No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, se é posible, utilizaránse ventiladores ou aire acondicionado, .

  • Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

  • No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.

  • Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a quince.

"Recorde que, si ten parentes ou veciños que vivan sos, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual", recalca a Xunta de Galicia.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page