Detido un veciño de Cruces polo violento asalto a unha vivenda dunha muller de 78 anos en Tordoia
- ecosdacomarca

- 24 jun 2025
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Equipo de Policía Xudicial de Santiago de Compostela, da Garda Civil, no marco da "Operación Faiado", detivo no día de onte a un home residente en Vila de Cruces (Pontevedra) como presunto autor do brutal asalto e agresión con arma branca a unha muller de 78 anos na súa vivenda de Tordoia (A Coruña) o pasado 24 de maio.

Os feitos ocorreron cando o detido, tras varias horas de vixilancia, abordou á vítima no seu domicilio. O agresor, que ocultaba o seu rostro cun casco e lentes, atacou á muller cun coitelo de grandes dimensións, tirouna ao chan e esixiulle diñeiro en efectivo. Ante a resistencia da anciá, o asaltante produciulle varios cortes nunha man co coitelo e introduciulle un saco na cabeza, mentres continuaba esixindo a entrega do diñeiro.
Publicidade
Posteriormente, o agresor arrastrou á vítima polo pelo, encerrouna ás escuras nunha adega da vivenda e fuxiu. A muller, que afortunadamente levaba o seu teléfono móbil, puido alertar a un veciño e a un familiar, quen acudiu rapidamente no seu auxilio, atopándoa nun estado de gran nerviosismo, con manchas de sangue e hematomas por todo o corpo.
A investigación da Garda Civil de Santiago de Compostela centrouse na identificación dun vehículo de cor escura vista nas inmediacións do domicilio da vítima. As pescudas, realizadas con rigor e profesionalidade, permitiron identificar o vehículo e ao presunto autor.
Publicidade
Durante a operación, a Garda Civil localizou un coitelo de 34 centímetros de lonxitude, con restos de sangue da vítima confirmados por análise de ADN, oculto no vehículo do detido. A Garda Civil agradece ao Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que foi o que realizou a análise do ADN do coitelo e permitiu axilizar a detención.
O detido será posto ao dispor do Xulgado de garda de Lalín. A investigación, que se atopa aberta, séguese no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 de Ordes (A Coruña) e non se descartan novas actuacións nos próximos días.








Comentarios