A maioría deles leváronse a cabo na zona da Fervenza do Toxa e tamén se lle acusa dun delito por insultar e agredir a un axente da Garda Civil durante a súa detención
Ecos da Comarca/Silleda
A Garda Civil detivo a un veciño da localidade coruñesa de Ames como presunto autor de preto dunha decena de roubos no interior de vehículos en Silleda. Ademais, acúsaselle tamén dun delito de ameazas e atentado por agredir a un dos axentes no momento da deteción.
O suposto ladrón levaba a cabo os roubos nun dos principais atractivos turísticos de Silleda: a Ferveza do Toxa, na parroquia de Pazos, e que cada vez atrae a máis visitantes. Debido á proliferación de roubos nesta zona o Posto da Garda Civil de Silleda decidiu pór en marcha un operativo especial de prevención ao mesmo tempo que intentaba dar co autor ou autores dos roubos. Cabe mencionar que tamén se produciron outros nas proximidades das igrexas das parroquias silledenses de Martixe e Manduas durante a celebración de actos litúrxicos.
Foi durante o dispositivo cando os axentes da Garda Civil sorprenderon ao sospeitoso no momento no que levaba na man un obxecto contundente e se dirixía cara un dos vehículos que estaba aparcado na Fervenza do Toxa. Pero de repente chegou outro vehículo e non levou a cabo o roubo e decidiu marchar do lugar no coche que empregaba para desprazarse. Foi aí cando foi inteceptado pola Garda Civil que o estaba vixiando.
Cando a Garda Civil lle requeriu a súa documentación mostrou "unha actitude moi agresiva, ameazando e insultado aos axentes", que tiveron que proceder a súa detención e foi nese momento, cando lle deu un golpe a un deles.
No maletero do seu coche levaba unha mochila con roupa, un gato hidráulico e unha chave de rodas alargada, que era precisamente a ferramenta que levaba na man, coa que presuntamente pretendía romper o cristal do vehículo.
Modus operandi
O modus operandi consistía na rotura dunhas das fiestras do vehículo cun obxecto contundente. E o botín que conseguiu durante todos os roubos foi cartos, carteiras, teléfonos móbiles e calquera obxecto de interese. Ademais, resulta sorprendente que practicamente todos os roubos se cometeron no mesmo lugar e na mesma franxa horaria e sempre polas tardes e principalmente os mércoles, xoves e vernes.
O detido foi posto en liberdade en sede policial una vez instruídas as dilixencias no posto da Garda Civil de Silleda. O investigado deberá comparecer no Xulgado de Lalín cando sexa requerido.
Comments