Desarticulada en Melide e Arzúa unha importante rede familiar de tráfico de cocaína
- ecosdacomarca
- 5 jul
- 2 Min. de lectura
O entramado familiar operaba desde un local público en Melide e abastecía a catro comarcas galegas
Ecos da Comarca/Melide/Arzúa
A Garda Civil, no marco dunha operación, desmantelou unha rede criminal de carácter familiar dedicada ao tráfico de drogas nas localidades de Melide e Arzúa (A Coruña). A investigación, levada a cabo polo Equipo ROCA de Santiago de Compostela en colaboración co Posto da Garda Civil de Melide, pon fin a unha actividade delituosa que xerara unha considerable alarma social na zona.
A Operación iniciouse en xaneiro deste ano, tras detectarse unha constante trasfega de potenciais consumidores ao redor dun establecemento hostaleiro en Melide, que actuaba como epicentro da trama. Este local era utilizado como un punto de venda encuberto, desde o cal se abastecía de cocaína e outras substancias a consumidores das comarcas de Terras de Melide, Arzúa, Ulloa e Deza.
Como resultado da exhaustiva investigación, levaron a cabo seis rexistros domiciliarios en distintas fases operativas, en inmobles e locais directamente vinculados aos investigados. Durante estas intervencións, os axentes interviñeron unha cantidade significativa de droga e diñeiro en efectivo:

Más de 180 gramos de cocaína, incluíndo 127 gramos en roca e 42
bolsitas listas para a súa venda cun peso aproximado de 41 gramos.
1,5 kg de cogollos de marihuana e 22 bolsitas de marihuana cun peso aproximado de 109 gramos.
4 bolsitas de haxix cun peso aproximado de 40 gramos.
Publicidade
Máis de 37.000 euros en efectivo, parte dos cales se atopaba oculto en dobres fondos e envases camuflados, destacando un achado de 30.000 euros selados e envasados ao baleiro ocultos na tapa dunha persiana.
Unha báscula de precisión, dous vehículos e cinco teléfonos móbiles, xunto con outros dispositivos electrónicos.
Tamén se localizou unha plantación indoor de marihuana nun dos rexistros dunha das vivendas.
A operación culminou coa detención de cinco persoas:
Un home de 30 anos e a súa parella de 27 anos, ambos os veciños de Arzúa.
Unha muller de 55 anos e outra de 23 anos, veciñas de Melide.
Un home de 50 anos, veciño de Vilanova de Arousa, identificado como o presunto provedor de substancias estupefacientes.
Publicidade
As pescudas confirmaron que o grupo utilizaba o establecemento hostaleiro en Melide como tapadeira para a venda directa de cocaína, mantendo unha operativa constante baseada en reparticións encubertas, entregas rápidas e contacto directo cos consumidores. A estrutura criminal atopábase xerarquizada, con funcións claramente repartidas, e xeraba beneficios económicos non xustificables legalmente.
Este feito, xunto coa utilización de diñeiro en metálico oculto, motivou a atribución dun delito de branqueo de capitais. Aos arrestados impútanselles os delitos de tráfico de drogas, pertenza a grupo criminal, branqueo de capitais e resistencia e desobediencia a axentes da autoridade. Os detidos foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución nº 1 de Arzúa, que decretou o ingreso en prisión para un deles e liberdade con cargos para os catro restantes. Esta operación tivo un notable impacto social na zona, non só pola implicación dun local de acceso público, senón tamén polo amplo alcance comarcal da rede de distribución desarticulada.
Comments