A caída dunha árbore de grandes dimensións levantou parte da calzada de pedra
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de comunicar á Dirección Xeral de Patrimonio, da Consellería de Cultura, o derrube de parte dun tramo en pleno Camiño de Santiago no fermoso entorno de Ponte Taboada.

Este incidente, polas inclemencias meteorolóxicas, prodúxose hai varios días cando as raíces unha árbore de grandes dimensións arracancaron ca caída da mesma parte do antigo valo e da calzada de pedra. O Concello de Silleda, a través da Policía Local procedeu á sinalizar este punto por motivos de seguridade.
Dende o Concello remitiuse xa un informe do técnico municipal á Dirección Xeral de Patrimonio a fin de comunicar este incidente e de que se tomen as medidas oportunas.
Este tramo é un dos máis fermosos do Camiño Mozárabe ou do Sudeste, tamén coñecido como Vía da Prata, e tamén o Camiño de Inverno, nun enclave único presidido pola antiga ponte de Taboada.
Este treito foi arranxado polo Concello a finais de 2021, cun investimento de 19. 511,25 euros realizado con fondos municipais e das da Consellería de Turismo para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño.
コメント