Ecos da Comarca/Antas de Ulla
Segundo fontes oficiais, xa se presentaron ao menos dúas denuncias ante a Garda Civil por danos ocasionados nos vehículos debido aos traballos de arranxo da estrada LU-P-1809 que comunica Chantada e Antas de Ulla por Taboada.

Tal e como nos confirma un dos afectados que xa interpuxo denuncia, o seu vehículo quedou cheo de alquitrán, como se apreza na imaxe. "É todo alquitrán o que teñen por botalo a semana pasada chovendo e ao quedar na estrada foi para os coches", indica este afectado, quen ademais, apunta que hai gravilla solta na estrada.

Ademais, coméntanos de que hai máis vehículos danados. "A ver agora como lle quitamos o alquitrán...", lamenta.
Cabe mencionar que a Deputación de Lugo está actuando neste vial. A actuación, que está sendo executada por unha empresa privada, conta cun investimento que supera os 150.000 euros e o proxecto inclúe a renovación de practicamente o conxunto da vía, actuando en máis de 20 quilómetros dos preto de 25 quilómetros que ten.
"Estase gastando os cartos e a vía está quedando penosa. Hai que ir moi despacio ao haber gran cantidad de gravilla solta que pode causar accidentes", engade o afectado.
Comments