As autóctonas en perigo de extinción protagonizarán moitas das activiades, se ben tamén haberá proposta de outras razas galegas selectas
Laura Moure/Silleda
A 46ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebrará entre o 30 de maio e o 2 de xuño en Silleda, contará na súa área gandeira con multitude de actividades centradas nas razas autóctonas galegas. En canto ás autóctonas de Galicia en perigo de extinción, estarán presentes de man da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA) e as súas asociacións integradas e tamén da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), a Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego.
Destacarán as súas exposicións permanentes e concursos morfolóxicos. Así, en canto a estes últimos, terán lugar o 4º Concurso da Ovella e Cabra Galegas, con máis de 30 exemplares participantes, o 6º do Porco Celta na Semana Verde, con 56 exemplares de 30 ganderías das catro provincias galegas, o 9º Campionato da Galiña de Mos, que inclúe o 15º Concurso Monográfico e a 11ª Exposición e Concurso por lotes e que reunirá máis de 150 exemplares adultos, e tamén unha nova edición do Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galega de Puraga.
Das bovinas celebraranse cinco competicións nas que participarán máis de 70 exemplares de 14 criadores, as cales serán o 11º Concurso Morfolóxico da Raza
Cachena, o 10º da Vianesa, 9º da Caldelá, 8º da Limiá e o 6º da Frieiresa. Ademais, de Galiña de Mos haberá un mercado de aves vivas.
Estas razas en perigo de extinción tamén protagonizarán outras actividades, como o
VI Concurso Nacional de Manexo da Raza Porco Celta, consistente en dirixir un exemplar por un determinado percorrido no menor tempo posible, podendo tocalo pero sen golpealo, e pasando por distintos espazos. Participarán cinco gandeiros de Friol, Castro de Rei, Mondoñedo e Vila de Cruces, sendo neste último caso o manexador un neno de 7 anos.
Ademais, centrada no Cabalo de Pura Raza Galega e de man da Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) celebrarase unha rapa das bestas con eguas de monte nun curro e a participación de varios grupos de aloitadores. Sumarase unha exhibición de doma de alta escola con traballos de rendas longas pé a terra e doma clásica con cabalos de Pura Raza Galega pertencente á sección de doma de alta escola de Galicia “Dragóns de Santiago”, copatrocinada polos fondos europeos FEADER “Europa Inviste no Rural”, Ministerio de Agricultura, Xunta de Galicia e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego.
Publicidade
As razas autóctonas galegas en perigo de extinción tamén estarán presentes no 27º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, presentando carne, ovos e produtos derivados. Participarán 18 produtores baixo as marcas comerciais “Gandería Balín”, “Cachenas de San Breixo”, “Gandaría e Carnicería Lage”, “Gandería Tras do Río”, “Aves do Concello”, “Churras da Caneira Lourdes Mulet”, “Montes de Boado-Manuel Teijeiro Castillo”, “Granxa Aeiroá”, “O Agro – Roberto Louzán”, “CMF Celtaporc”, “Ramón Vázquez Fernández”, “Cooperativa Tres Fuciños”, “Embutidos Hermelino”, “Celtagal”, “CienporCel”, “D.O.D Celtas da Ulloa”, “A Casa da Rúa” e “Granxa O Cibrao”
Así mesmo, volverá o restaurante “Tapirazas”, onde cada día se poderá degustar un menú diferente a base destas razas. “Brioche de pastrami afumado das razas Frieiresa e Limiá”, “Goulash das razas Cachena e Caldelá con Fabas de Lourenzá”, “Albóndegas de poldro de Pura Raza Galega 100% con Crema de Castaña”, “Galiña de Mos estufada á maneira tradicional” ou “Empanada de zorza de Porco Celta con pementos asados e afumados”, serán só algunhas propostas, elaboradas polo cociñeiro Antonio Díaz Calvo, do Restaurante AUTGA-Autóctonas. Galiña Piñeira, Can de Palleiro e Rubia Galega
Por outra banda, a feira contará con outras razas autóctonas, como a Galiña Piñeira,
que repetirá na feira concurso monográfico de man da Asociación Galega da Galiña
Piñeira (Agalpi), e tamén o Can de Palleiro, cuxo Club celebrará un Monográfico e entregará o seu “Palleiro de Honra”, entre outras propostas. Sumarase a Rubia Galega, cunha ampla exposición organizada pola Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga), composta por unhas 50 vacas, xatos e sementais.
Aínda que as autóctonas serán as protagonistas, tamén haberá outras razas. Así, poderá verse unha mostra de diversas razas de ovino selecto e varias parellas de impresionantes bois, os cales percorrerán a feira.
Publicidade
Monográfico de Porcino
Abanca Semana Verde 2024 contará tamén coa 26ª edición do Monográfico de Gando Porcino, o cal se celebrará o 31 de maio baixo o título “Retos aos que se enfronta o sector porcino”. Na xornada farase un balance anual do sector, sendo o encargado Pablo Meijomín, presidente da Federación Galega de Porcino (FEGAPOR). Ademais, Isabel Arza, de Arza Enxeñería, falará sobre normativa e subvencións vixentes en ganderías de porcino, abordando o calendario de aplicación e tramitacións periódicas da normativa, caderno de explotación, organismos con competencia en explotacións de porcino e subvencións ás que pode acceder o sector.
Así mesmo, levarase a cabo unha mesa redonda sobre a repercusión da implantación de Altri en Palas de Rei para a agricultura e a gandería, coa participación de Pedro Baptista, director de operacións de Altri España; Xoán Castro, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo; Olga López, HR Manager Greenfiber; e Bruno Dapena, director do Proxecto Gama.
Comments