Trátase dunha doenza vírica que afecta ao gando bovino, pero que non se transmite ás persoas nin é contaxiosa entre os animais
Laura Moure/Deza
A Xunta notificou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a detección de nove novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Trátase de dous focos localizados nas comarcas veterinarias de Chantada e Terra Chá-Guitiriz, na provincia de Lugo; dous focos nas comarcas veterinarias de Allariz e O Carballiño, na provincia de Ourense; e cinco focos nas comarcas veterinarias de A Paradanta, Deza, O Condado, Pontevedra-O Morrazo e Tabeirós Terra de Montes, os primeiros declarados na provincia de Pontevedra en 2024.
Agás no caso do primeiro foco da provincia de Pontevedra, no que foi confirmada a enfermidade no Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (como marca o procedemento), nos restantes casos o diagnóstico laboratorial foi realizado exclusivamente polo Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (Lasapaga), dependente da Consellería do Medio Rural.
Con esta declaración, Galicia ten notificados focos en 24 comarcas veterinarias neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor: 12 na provincia de Ourense (A Gudiña, A Limia, Allariz, Baixa Limia, Maceda, O Carballiño, Ourense, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Verín e Viana), sete na de Lugo (Chantada, A Fonsagrada, Lugo, Os Ancares, Sarria, Terra Cha-Guitiriz e Terra de Lemos-Quiroga), e os cinco declarados na provincia de Pontevedra (A Paradanta, Deza, O Condado, Pontevedra-O Morrazo e Tabeirós Terra de Montes). Así, o número de explotacións positivas confirmadas laboratorialmente sitúase en 524 e os animais positivos confirmados en 1.130.
A EHE é unha enfermidade infecciosa, pero non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp. Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Existe polo tanto un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.
A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, esta doenza non afecta ás persoas, que non poden enfermar nin pola picadura do mosquito transmisor, por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.
Galicia, pioneira en indemnizar
A Consellería do Medio Rural foi unha das pioneiras neste sentido e habilitou en 2023 a indemnización dos animais falecidos a consecuencia desta enfermidade, que continúa tamén en 2024. Neste sentido, xa se destinaron máis de 200.000 euros a estas achegas para compensar a morte de 409 animais de 195 explotacións, datos referidos ao anterior período de circulación do vector transmisor, posto que, no actual período, aínda non se rexistraron solicitudes.
A esta liña de apoio sumaranse tamén as axudas por tratamentos veterinarios aos animais afectados ou por uso de desinsectantes nas explotacións, comprometendo o MAPA un total de 15 millóns de euros en toda España para este fin neste ano, pero aínda pendentes de aprobarse e derivarse ás comunidades autónomas.
Nesta liña, a Consellería do Medio Rural reitera a necesidade de que se activen, mediante o correspondente Real Decreto, eses 15 millóns de euros comprometidos para a loita contra esta enfermidade e que, entre os custos subvencionables, se permita incorporar a vacina. A Xunta considera urxente adoptar esta medida para que as comunidades autónomas poidan, á súa vez, habilitar as correspondentes ordes de axudas e facer chegar os fondos á maior brevidade posible aos gandeiros, tendo en conta o axustado dos prazos a estas alturas do ano.
Publicidade
Cómpre indicar que, en Galicia, ao fin da pasada estación de circulación do vector, a Consellería rexistrou un total de 641 explotacións, sobre un censo superior ás 30.000 explotacións bovinas, nas que resultaron afectados 1.484 animais, cun índice de mortalidade do 1,09%.
Vacina e medidas preventivas
Ao tratarse dunha enfermidade vírica non hai tratamento curativo, pero existe unha vacina desenvolvida pola farmacéutica galega Zendal e autorizada pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, que xa está dispoñible para a súa adquisición baixo prescrición veterinaria. Ademais da protección inmunolóxica que suporá a administración da vacina, é fundamental a aplicación de medidas preventivas encamiñadas a evitar o contacto dos animais co mosquito vector, en concreto:
Evitar a existencia de posibles zonas de cría do mosquito transmisor nas explotacións, fundamentalmente áreas con materia orgánica húmida ou lama, zonas de elección para a cría para estes mosquitos.
Utilizar preventivamente desinsectantes ou repelentes nas instalacións, nos medios de transporte ou nos animais, nos casos que se considere oportuno.
No caso de detectar animais con sintomatoloxía compatible coa enfermidade, tanto bovinos como cérvidos silvestres, debe comunicarse esta circunstancia de xeito inmediato aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural.
Comments