Comprométese a trasladarlle á Dirección Estatal de Correos as súas demandas no que atinxe á falla de efectivos para o desenvolvemento dun servizo de reparto de calidade
Ecos da Comarca/Lalín
O deputado no Congreso e secretario xeral dos socialistas de Pontevedra, David Regades, reuniuse este xoves con carteiros e carteiras da oficina de Correos de Lalín para escoitar as súas demandas, que van dirixidas á mellora das condicións nas que se presta este servizo e que teñen que ver, en gran medida, coa falta de persoal na unidade de reparto desta localidade. No encontro, no que tamén participaron a secretaria xeral do PSdeG-PSOE lalinense, Alba Forno, e o concelleiro, Anxo Álvarez, Regades comprometeuse a trasladarlle á Dirección Estatal de Correos as demandas da oficina no que atinxe á falla de efectivos para o desenvolvemento dun servizo de reparto de calidade en todo o territorio de Lalín, Agolada, Rodeiro e Dozón.
O persoal da oficina de Correos da cabeceira comarcal dezá falou polo miúdo da sobrecarga de traballo que soportan, indicando que non dan abarcado diariamente todas as áreas. Sinalaron que non se están cubrindo as baixas nin as vacacións e aludiron a problemas importantes cos envíos urxentes, cos certificados, coa paquetería, etc.
Publicidade
Regades expresou a súa solidariedade co colectivo de carteiros e carteiras de Lalín, destacando a importancia do servizo de Correos na cohesión territorial, económica e social. Lembrou que Correos atravesa un momento complexo de reconversión relacionado coa diminución do correo postal e o aumento dos servizos de paquetería.
Publicidade
Nesta liña o deputado destacou que o Goberno de Pedro Sánchez activou medidas importantes para adaptar o servizo á realidade actual e para dinamizar o rural e facer fronte ao reto demográfico a través do servizo de correos, permitindo a través dos carteiros a realización de trámites administrativos, a retirada de diñeiro en efectivo, o pago de tributos, etc.
コメント