top of page

David Regades chama ao PSdeG-PSOE a marcar o rumbo político de Deza

Subliña o papel transformador dos gobernos locais de Silleda e Rodeiro e destaca que as principais actuacións en Deza "levan o selo da Deputación presidida por Carmela Silva"


Ecos da Comarca/Deza

O secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades, desprazouse este martes a Lalín como segunda parada da rolda informativa polas diferentes agrupacións da provincia, nun exercicio de transparencia, proximidade e, fundamentalmente, de agradecemento polo apoio recibido por parte da militancia no proceso orgánico que culminará o próximo día 3 de maio en Pontevedra coa celebración do 5º Congreso Provincial. Na capital de Deza mantivo un encontro cos responsables socialistas nos diferentes concellos aos que expresou o seu recoñecemento polo traballo feito. No acto participaron, entre outros, a alcaldesa de Silleda e vicepresidenta provincial, Paula Fernández Pena, o alcalde de Rodeiro, José Luís Camiñas, e a secretaria xeral e voceira municipal de Lalín, Alba Forno.

Durante a súa intervención, o secretario xeral provincial, David Regades, destacou o papel transformador que os gobernos socialistas de Silleda e Rodeiro exercen e animou ao partido a lograr máis gobernos locais na comarca. Ademais recordou que boa parte das grandes actuacións realizadas nos concellos de Deza "levan o selo da Deputación presidida por Carmela Silva, unha muller socialista que cambiou para sempre o xeito de relacionarse cos concellos da Administración provincial”.


Regades fixo un chamamento a reforzar o proxecto socialista na comarca de Deza co horizonte posto nas vindeiras eleccións municipais e co obxectivo de presentar candidaturas en todos os concellos. Subliñou que a prioridade do partido "é consolidar as alcaldías de Silleda e Rodeiro con maiorías amplas, dous exemplos de goberno útil e comprometido coa veciñanza, que son hoxe referentes da boa xestión socialista na provincia". Regades tamén puxo en valor o traballo do grupo municipal de Lalín, ao que definiu "como unha oposición construtiva, responsable e sempre ao servizo da xente, destacando que representa unha clara alternativa de goberno fronte á parálise e ao ruído do actual executivo local".


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

O secretario xeral socialista agradeceu ter sido proclamado como candidato de consenso no proceso que culminará co Congreso provincial de Pontevedra e afirmou que, dende o primeiro momento, decidiu emprender “unha rolda de diálogo e gratitude polo apoio recibido que serve como punto de partida dunha nova etapa de ilusión, unidade e compromiso”, a pesar de que a campaña informativa das diferentes candidaturas nun procedemento de Primarias xa non era necesaria.


Dende Lalín agradeceu o traballo das bases e das agrupacións e reafirmou o espírito de unidade do PSdeG-PSOE e a súa capacidade de gobernar. “Somos a esquerda que pode, que quere e que sabe gobernar. Unha esquerda seria, transformadora e pegada á realidade da xente”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Coa vista posta nas municipais de 2027 Regades subliñou que “queremos gobernar non polo poder, senón para servir” e asegurou que “o Partido Socialista vai mellorar resultados na práctica totalidade dos concellos, polo que a Deputación está á volta da esquina”. “O noso compromiso sempre é poñer os concellos e a Deputación servizo das persoas”.


O próximo 3 de maio, David Regades iniciará a súa terceira andaina como secretario xeral provincial, un período que comezou en 2017 ao impoñerse nas Primarias por amplo marxe e que continuou, xa como candidato de consenso, no 4º Congreso Provincial celebrado en Vigo no ano 2022, do mesmo xeito que sucederá no 5º Congreso que acollerá a cidade de Pontevedra.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page