Jaime Pereira Gil incorpórase como vicepresidente a unha lista formada por oito empresarias e seis empresarios na que continúan Manuel Salgueiro (Arlit Diseño e Beatriz Canda, Meritxell Silva, Óscar Míguez e Adolfo Meijide
Laura Moure/Deza
A Asociación de Empresari@s de Deza pechou este luns o prazo de recepción de candidaturas á presidencia cunha soa lista presentada, a encabezada polo actual vicepresidente en funcións, David Campos Cortés, de Nucamsa, e que está formada por un total de 14 membros: oito empresarias e seis empresarios. Ademais de David Campos, a candidatura intégrana Jaime Tomás Pereira Gil (Dreams Factory Advertising & Design Company e Aerocámaras), como vicepresidente; Lucía Nercellas Torres (Avipor Silleda), como secretaria; Manuel Salgueiro González (Arlit Diseño e Impresión), como tesoureiro; e como vogais Beatriz Canda Rodríguez (Almacenes Canda), Meritxell Silva García (Abril Trending), Sandra Vilar Frade (El Vestidor de Chloé), Jéssica González Iglesias (Trendy Store), Javier González Luaces (O Asuvío), Alba Varela Diéguez (Casa Achacán) e Carlota Iglesias Vázquez (Restaurante Cabanas). Como suplentes figuran Susana Aguiar Carral (Kalekói), Óscar Míguez Castro (Maxideza) e Adolfo Meijide Otero (Autocares Meijide).

Respecto á actual xunta directiva en funcións presidida por Antonio Lamas, nesta nova candidatura continúan cinco directivos: Manuel Salgueiro, Beatriz Canda, Meritxell Silva, Óscar Míguez e Adolfo Meijide -estes dous últimos, como suplentes-.
Ao tratarse da única candidatura presentada, o calendario electoral establece que a xunta directiva en funcións reunirase o vindeiro día 13 de xuño para comprobar que a candidatura cumpre os requisitos de forma e fondo e, de ser así, David Campos quedaría oficialmente proclamado como presidente ese mesmo día.
Asemblea xeral ordinaria
Por outra banda, a AED celebrará hoxe -ás 20.00 horas en primeira convocatoria ou ás 20:15 horas, en segunda- a asemblea xeral ordinaria coa seguinte orde do día: aprobación da acta anterior; presentación e aprobación da memoria de actividades de 2021; presentación e aprobación das contas de 2021, do orzamento para 2022 e do informe de auditoría; informe do presidente, e rogos e preguntas.
Comments