Soben a 11 os municipios libres de coronavirus e todos se atopan no nivel mínimo limitacións
Laura Moure/Xeral
XOVES, 24 XUÑO
Continuamos informando dos casos de coronavirus nos municipios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, 24 de xuño, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou nalgúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que o número pode mudar en calquera momento. Son 10 os municipios que non rexistran ningún caso de Covid-19: Agolada, Dozón, Silleda, Rodeiro, Vila de Cruces, Santiso, Antas de Ulla, Boimorto, O Pino e Touro e hoxe súmase a esta listaxe Toques. Todos os demais concellos sitúanse nunha taxa de entre 1 e 9 casos segundo a incidencia acumulada a 14 días e todos atópanse no nivel mínimo de restrincións.
Na comarca arzuana tal e como informa o Sergas, Boimorto, O Pino e Touro están libres de coronavirus. Mentres que Arzúa se atopa nunha taxa entre 1 e 9 afectados. Todos están no nivel máis baixo de restrincións.
Na comarca dezana en case todos os concellos este virus tampouco asoma: Agolada, Dozón, Silleda, Rodeiro e Vila de Cruces non teñen ningún caso dende hai días. Só Lalín ten algún contaxio. Segundo a incidencia acumulada a 14 días, como indica o Sergas, ten entre 1 e 9 afectados e fai dous días o alcalde do municipio, José Crespo, indicou que hai dous casos activos. Todos estes municipios están no nivel mínimo de limitacións.
Na comarca Terra de Melide Santiso non ten ningún caso e hoxe súmase a esta listaxe Toques, mentres que Melide e Sobrado dos Monxes teñen entre 1 e 9 afectados segundo a incidencia acumulada a 14 días, como indica o Sergas. Todos están no nivel máis baixo de limitacións.
Por último, na comarca da Ulloa Antas de Ulla é o único municipio que está libre de Covid, mentres que Monterroso e Palas de Rei, segundo a incidencia acumulada a 14 xornadas, ten entre 1 e 9 contaxios. Todos están no nivel mínimo de limitacións.
Comments