Hai unha ducia de municipios libres de coronavirus e a comarca arzuá non rexistra ningún afectado
Laura Moure/Xeral
XOVES, 17 XUÑO
Seguimos informando dos casos de coronavirus nos municipios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, 17 de xuño, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou nalgúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que o número pode mudar en calquera momento. Segue habendo unha ducia de municipios que non rexistran ningún caso de Covid-19: Agolada, Dozón, Silleda, Rodeiro, Vila de Cruces, Santiso, Antas de Ulla, Monterroso, Arzúa, Boimorto, O Pino e Touro. Todos os demais concellos sitúanse nunha taxa de entre 1 e 9 casos segundo a incidencia acumulada a 14 días e todos atópanse no nivel mínimo de restrincións.
Na comarca arzuana tal e como informa o Sergas, un día máis a comaca está libre de coronavirus. Os municipios de Arzúa, Boimorto, O Pino e Touro non rexistran ningún caso. Todos están no nivel máis baixo de restrincións.
Na comarca dezana en case todos os concellos este virus tampouco asoma: Agolada, Dozón, Silleda, Rodeiro e Vila de Cruces non teñen ningún caso dende hai días. Só Lalín ten algún contaxio, pero a situación é boa. Segundo a incidencia acumulada a 14 días, como indica o Sergas, ten entre 1 e 9 afectados, pero tal e como informou onte o alcalde aquí segue habendo un único caso activo. Todos estes municipios están no nivel mínimo de limitacións.
Na comarca Terra de Melide Santiso é o unico que non ten ningún caso, mentres que Melide, Sobrado dos Monxes e Toques teñen entre 1 e 9 afectados segundo a incidencia acumulada a 14 días, como indica o Sergas. Todos están no nivel máis baixo de limitacións.
Por último, na comarca da Ulloa Antas de Ulla e Monterroso atópanse libres de Covid, mentres que Palas de Rei, segundo a incidencia acumulada a 14 xornadas, ten entre 1 e 9 contaxios. Todos están no nivel mínimo de limitacións.
Fonte: Ecos da Comarca.
Este gráfico fai referencia aos datos de contaxios segundo a incidencia acumulada a 14 días e no caso de Lalín e Silleda son os casos activos.
Comments