Sete concellos seguen sen rexistrar novos casos e os demais, a maioría, teñen entre 1 e 9 afectados
Laura Moure
XOVES 11 MARZO
Fonte: Ecos da Comarca
Seguimos informando dos casos de coronavirus nos municipios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, xoves 11 de marzo, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou nalgúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que o número pode mudar en calquera momento. Son sete os municipios que non rexistran novos casos: Agolada, Dozón, Rodeiro, Melide, Santiso, Antas de Ulla e Palas de Rei. Os demais concellos, a maioría deles, sitúanse nunha taxa de entre 1 e 9 casos.
Na comarca arzuana, segundo a incidencia acumulada nos últimos sete días, tal e como informa o Sergas, Arzúa, Boimorto, Touro e O Pino seguen cunha taxa de entre 1 e 9 afectados. Todos están no nivel mínimo de restrincións.
Segundo a incidencia acumulada nos últimos sete días na comarca dezana, Agolada, Dozón e Rodeiro non teñen ningún novo afectado; Lalín mantense con 16 activos e o Concello de Silleda ten dez, xa que de momento non transcendeu o número de hoxe mentres que Vila de Cruces continúa cunha taxa de entre 1 e 9 afectados. Todos estes municipios están no nivel de restrinción media, é dicir no mínimo.
Na comarca Terra de Melide, Sobrado dos Monxes e Toques seguen cun rango de entre 1 e 9 afectados mentres que en Santiso e Melide continúan sen rexistrarse ningún novo caso. Aquí todos os concellos están no nivel medio de restrincións menos Sobrado que continúa no alto.
Por último, na comarca da Ulloa en Antas de Ulla e Palas de Rei non se contabilizaron novos afectados nos sete últimos días. Sen embargo, Monterroso sitúase desde hai unhas xornadas nunha taxa de entre 1 e 9 casos. Todos están no nivel mínimo de limitacións.
Debemos ser prudentes e tomar todas as precaucións para evitar que os casos volvan ascender.
Fonte: Ecos da Comarca
Comments