Arzúa, Boimorto, Agolada, Dozón, Rodeiro, Silleda, Melide, Santiso, Sobrado dos Monxes, Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei non rexistran novos contaxios
Laura Moure
MARTES 1 ABRIL
Fonte: Ecos da Comarca
Seguimos informando neste Xoves Santo dos casos de coronavirus nos municipios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, 1 de abril, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou nalgúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que o número pode mudar en calquera momento. Os datos son moi esperanzadores porque seguen sendo 11 os municipios que non rexistran novos casos: Agolada, Dozón, Rodeiro, Melide, Santiso, Sobrado dos Monxes, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei, Arzúa e Boimorto. Os demais concellos sitúanse nunha taxa de entre 1 e 9 casos, agás Silleda, que supera a decena, pero todos os casos activos están na residencia porque o municipio tampouco rexistrou novos afectados nos últimos sete días, e Lalín no que si ascenden os afectados.
Na comarca arzuana, segundo a incidencia acumulada nos últimos sete días, tal e como informa o Sergas, Touro e O Pino seguen cunha taxa de entre 1 e 9 afectados. Pola contra, Arzúa e Boimorto non rexistran ningún contaxio nos últimos sete días. Todos están no nivel máis baixo de restrincións, agás Boimorto que está no medio.
Segundo a incidencia acumulada nos últimos sete días na comarca dezana, Dozón e Rodeiro e Agolada non teñen ningún novo afectado e Lalín baixa de 15 a 13 casos activos, tal e como informou despois do mediodía o alcalde do municipio. Mentres, o municipio de Silleda, segundo a incidencia acumulada das últimas sete xornadas non contabiliza novos contaxios, pero a residencia de maiores, onde se detectou un gromo en semanas pasadas, ten 12 activos, que é o último dato que se coñece. Por último, Vila de Cruces sitúase nunha taxa de entre 1 e 9 casos. Todos estes municipios están no nivel mínimo de limitacións.
Na comarca Terra de Melide Santiso, Melide e Sobrado dos Monxes continúan un día máis sen contabilizar novos casos nos últimos sete días, mentres que Toques ten entre 1 e 9 contaxios. Aquí todos os concellos están no nivel máis baixo.
Por último, na comarca da Ulloa Palas de Rei, Antas de Ulla e Monterroso non contabilizan ningún novo afectado unha xornada máis. Todos están no nivel mínimo de limitacións.
O comité clínico volveuse reunir o venres pasado e propuxo novos cambios que entraron este luns en vigor. Mantense o nivel máximo de restricións no concello de Beade. A hostalaría está pechada e non se permiten tampouco as reunións de non convivintes.
Así mesmo, a asemblea de especialistas determinou o establecemento do nivel alto de restricións en dez concellos galegos, concretamente en Maside, Vilardevós, Cortegada, Abegondo, Ortigueira, O Saviñao, Baiona, Sanxenxo, Pazos de Borbén e Padrenda. A hostalaría pode abrir as terrazas ao 50% e con horario ata ás 21:00 horas.
Están no nivel medio de restricións os municipios de Arteixo, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Camariñas, Cangas, O Carballiño, Carral, Celanova, A Coruña, Culleredo, A Laracha, Laxe, Neda, Pantón, Ribadavia, Sober e Xinzo de Limia. O peche dos locais hostaleiros é ás nove da noite e permítese o uso ao 30% do interior dos establecementos e no exterior, o 50%.
No resto dos concellos galegos, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo. O horario de restaurantes, bares e cafeterías é ata ás 21:00 horas con 75% de límite nas terrazas e 50% no interior.
A mobilidade permítese entre todos os concellos, agás en Beade.
Cambios en Venres Santo
O comité clínico volveu reunirse este martes e modificou o nivel de limitacións dalgúns municipios que entran en vigor ás 00:00 horas deste venres.
No nivel máximo continuará o concello de Beade.
No nivel alto estarán Abegondo, Baiona, Cortegada, O Irixo, Ortigueira, Padrenda, Pazos de Borbén, A Pobra do Brollón, Rábade, Sanxenxo e O Saviñao.
No nivel medio: Vilardevós, Celanavona, O Carballiño, Ribadavia, Xinzo de Limia, Cangas, Moaña, Gondomar, Meis, Bergondo, Boimorto, Carral, A Coruña, Laracha, Arteixo, Betanzos e Camariñas.
E por último, no nivel baixo figurarán o resto dos municipios galegos.
A prohibición de mobilidade quedará restrinxida de novo só en Beade e despois quedarán as mesmas limitacións segundo cada nivel, como ata o de agora.
Fonte: Ecos da Comarca
Comments