Dozón, Rodeiro, Melide, Santiso, Sobrado, Toques, Antas de Ulla, Palas de Rei e Agolada non rexistran novos contaxios nas últimas sete xornadas
Laura Moure
VENRES 26 MARZO

Fonte: Ecos da Comarca
Un días máis informamos dos casos de coronavirus nos municipios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, venres 26 de marzo, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou nalgúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que o número pode mudar en calquera momento. Seguen sendo nove os municipios que non rexistran novos casos: Dozón, Rodeiro, Santiso, Toques, Melide, Palas de Rei, Sobrado dos Monxes, Antas de Ulla e hoxe súmase a esta listaxe Agolada, mentres que Touro volve ter algún afectado. Os demais concellos sitúanse nunha taxa de entre 1 e 9 casos, agás Silleda, que supera os 50 casos activos.
Na comarca arzuana, segundo a incidencia acumulada nos últimos sete días, tal e como informa o Sergas, Boimorto, O Pino e Arzúa seguen cunha taxa de entre 1 e 9 afectados e Touro hoxe volve estar tamén nesa escala. Todos están no nivel máis baixo de restrincións, agás Boimorto que está no medio.
Segundo a incidencia acumulada nos últimos sete días na comarca dezana, Dozón e Rodeiro non teñen ningún novo afectado desde fai semanas e hoxe súmase a esta listaxe Agolada. Lalín ten nove casos activos. En Silleda, tal e como informou o Concello pola tarde, baixan os casos a 41 como lles informou o Sergas, pero en realidade, estes datos son menos porque hoxe houbo altas na residencia na que se detectou un gromo e na que xa morreron nos últimos días dous usuarios. De feito, hoxe leváronse a cabo PCR na residencia. Por último, Vila de Cruces sitúase nunha taxa de entre 1 e 9 casos. Todos estes municipios están no nivel mínimo de limitacións.
Na comarca Terra de Melide, os catro municipios Santiso, Toques, Melide e Sobrado continúan un día máis sen contabilizar novos casos nos últimos sete días. Aquí todos os concellos están no nivel máis baixo.
Por último, na comarca da Ulloa, Monterroso segue tendo entre 1 e 9 contaxiados. Pola contra, Palas de Rei e Antas de Ulla non contabilizan ningún novo afectado unha xornada máis. Todos están no nivel mínimo de limitacións.
Cabe mencionar que este martes o comité clínico se reuníu e variou as restrincións nos distintos concellos que xa entraron hoxe, venres, en vigor:
Os concellos de Beade e Maside están no nivel máximo de restricións. A hostalaría está pechada e non se permiten tampouco as reunións de non convivintes.
Ademais, a asemblea de especialistas determinou o establecemento do nivel alto de restricións en sete concellos galegos, concretamente en Vilardevós, Ortigueira, Abegondo, Neda, O Saviñao, Sanxenxo e Baiona. A hostalaría pode abrir as terrazas ao 50% e con horario ata ás 21:00 horas.
Así mesmo, quedarán no nivel medio de restricións os municipios de Boimorto, O Carballiño, Ribadavia, Xinzo de Limia, Bergondo, Culleredo, Ponteceso, Arteixo, A Coruña, A Laracha, Betanzos, Camariñas, Laxe, Valdoviño, Coles, Soutomaior, Cangas, Sober e Pantón. O peche dos locais hostaleiros será ás nove da noite. Permítese o uso ao 30% do interior dos establecementos e no exterior, o 50%.
Nos resto dos concellos galegos, están vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo, o mínimo de todos. Tamén se amplía o horario de restaurantes, bares e cafeterías ata ás 21 horas con 75% de límite nas terrazas e 50% no interior.
A mobilidade permítese entre todos os concellos, agás nos tres que están no nivel máximo, con incidencia maior a 500 casos por cada 100.000 habitantes.
ACTUALIZACIÓN 13:00 HORAS.
A Xunta de Galicia manterá o nivel máximo de restricións no concello de Beade, logo de escoitar as recomendacións do subcomité clínico de expertos que avalía a situación da Covid-19 en Galicia e que se reuniu esta mañá.
Así mesmo, a asemblea de especialistas determinou o establecemento do nivel alto de restricións en dez concellos galegos, concretamente en Maside, Vilardevós, Cortegada, Abegondo, Ortigueira, O Saviñao, Baiona, Sanxenxo, Pazos de Borbén e Padrenda.
Quedarán no nivel medio de restricións os municipios de Arteixo, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Camariñas, Cangas, O Carballiño, Carral, Celanova, A Coruña, Culleredo, A Laracha, Laxe, Neda, Pantón, Ribadavia, Sober e Xinzo de Limia.
No resto dos concellos galegos, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.
Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro luns, 29 de marzo.

Fonte: Ecos da Comarca
Comments