Hai unha baixa xeneralizada de afectados
Laura Moure
VENRES 12 FEBREIRO

Fonte: Ecos da Comarca
Continúa habendo casos de coronavirus, pero hai unha baixa xeneralizada nos municipios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, venres 12, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou en algúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que as cifras poden mudar en calquera momento. O número está baixando con respecto ás anteriores semanas, pero é necesario seguir tomando todas as precaucións.
Na comarca arzuana, Arzúa pasa de 56 a 51; O Pino de 25 a 19, Touro de 12 a 11 e Boimorto segue cunha taxa de entre 1 e 9 afectados. Cabe recordar que hoxe continuará o cribado no centro de saúde de Arzúa, que xa arrancou onte. O Sergas ten previsto contactar con 960 veciños.
Na comarca dezana, Dozón e Rodeiro seguen cunha taxa de entre 1 e 9 e despois hai un descenso xeneralizado: Lalín pasa de 83 a 72; Silleda de 64 a 48, segundo como informa o Sergas; Vila de Cruces de 45 a 43, como indica o Sergas, pero o Concello informa que son 31 os casos activos e Agolada, de 11 a 8, pero hai seis ingresados, como indica o concelleiro de Sanidade, Marcos Galego. En Lalín segue hoxe o cribado no Lalín Arena que arrancou o mércores, detectando na primeira xornada un positivo.
Na comarca Terra de Melide, na localidade melidense son tres menos os afectados con respecto a hai 24 horas e rexistra 34 e Sobrado dos Monxes, Santiso e Toques seguen entre 1 e 9, xa que non transcenderon as cifras concretas.
Por último, Antas de Ulla, na comarca da Ulloa, tamén continúa entre 1 e 9 casos, Monterroso descende nun caso e queda con 16 e en Palas de Rei os afectados baixaron en oito tendo así 26.
Комментарии