Laura Moure
VENRES 5 FEBREIRO
Fonte: Ecos da Comarca
Hoxe temos mellores novas porque hai unha baixada, e nalgúns casos importante, de número de afectados da Covid en varios dos municipios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, venres 5, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou en algúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que as cifras poden mudar en calquera momento.
Na comarca arzuana, O Pino e Touro mantéñense coa mesma cifra de onte, con 43 e 17 respectivamente e Boimorto pasa de 11 a 12 casos. Pero pola contra, en Arzúa deuse un ascenso importante, xa que hoxe ten 74, o que significa 11 máis que fai 24 horas. Hoxe o Concello de Arzúa anunciou que o Sergas confirmou que a vindeira semana se levará a cabo aquí un cribado para tratar de frear os casos, pero de momento descoñécese máis detalles.
Na comarca dezana, Dozón e Rodeiro seguen cunha taxa de entre 1 e 9. No caso de Camba mantense en cinco; Lalín segue con 87 e Silleda rexistra 97, tres menos ca onte. Mentres, en Vila de Cruces e Agolada houbo un descenso considerable. No municipio cruceño son 43, 24 menos e en Agolada pasa de 34 a 25. Porén, as novas non son todo boas no municipio agoladés, porque segundo o concelleiro de Sanidade, Marcos Galego, houbo un falecemento e hai sete persoas hospitalizadas por motivo da pandemia. Mañá realizarase no centro de saúde deste concello un cribado dirixido a 900 veciños de entre 16 e 70 anos.
Na comarca Terra de Melide, a localidade melidense pasou de 73 a 62 casos e un día máis Sobrado dos Monxes, Santiso e Toques seguen entre 1 e 9, xa que non transcenderon as cifras concretas. Cabe lembrar que en Melide arrancou esta tarde un cribado que está previsto que finalice mañá e foron convocadas 1.700 persoas de entre 31 e 50 anos.
Por último, Antas de Ulla, na comarca da Ulloa, tamén continúa entre 1 e 9 casos e Monterroso pasa de 16 a 15 e en Palas de Rei os casos baixaron en dous tendo así 55.
Comments