top of page
Foto del escritorecosdacomarca

Datos de Covid nas comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa deste sábado, 27 de marzo

Ascenden a 11 os concellos que non rexistran novos contaxios e os casos en Silleda, o único municipio que supera a decena, descenden considerablemente


Laura Moure

SÁBADO 27 MARZO

Fonte: Ecos da Comarca


Un días máis informamos dos casos de coronavirus nos municipios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, sábado 27 de marzo, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou nalgúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que o número pode mudar en calquera momento. Os datos son moi esperanzadores porque ascenden a 11 os municipios que non rexistran novos casos: Dozón, Rodeiro, Santiso, Toques, Melide, Palas de Rei, Sobrado dos Monxes, Antas de Ulla, Agolada e hoxe súmanse a esta listaxe O Pino e Monterroso. Os demais concellos sitúanse nunha taxa de entre 1 e 9 casos, agás Silleda, que supera a decena, pero houbo unha baixa considerable con respecto a xornadas anteriores.

Na comarca arzuana, segundo a incidencia acumulada nos últimos sete días, tal e como informa o Sergas, Boimorto, Arzúa e Touro seguen cunha taxa de entre 1 e 9 afectados mentres que O Pino non contabiliza hoxe ningún novo contaxio. Todos están no nivel máis baixo de restrincións, agás Boimorto que está no medio.


Segundo a incidencia acumulada nos últimos sete días na comarca dezana, Dozón e Rodeiro e Agolada non teñen ningún novo afectado e Lalín ten sete casos activos, dous menos que a xornada pasada. Con referencia a Silleda, onte o Sergas falaba de 41 casos, pero recibiron a alta 30 usuarios da residencia da localidade na que se produciu un gromo nas semanas pasadas e o último dato que se coñece é que quedan 18 afectados. Por último, Vila de Cruces sitúase nunha taxa de entre 1 e 9 casos. Todos estes municipios están no nivel mínimo de limitacións.

Na comarca Terra de Melide, os catro municipios Santiso, Toques, Melide e Sobrado continúan un día máis sen contabilizar novos casos nos últimos sete días. Aquí todos os concellos están no nivel máis baixo.


Por último, na comarca da Ulloa Palas de Rei e Antas de Ulla non contabilizan ningún novo afectado unha xornada máis e hoxe tamén se suma Monterroso que non rexistra ningún. Todos están no nivel mínimo de limitacións.


Cabe mencionar que este martes o comité clínico se reuníu e variou as restrincións nos distintos concellos que xa entraron onte, venres, en vigor:

Os concellos de Beade e Maside están no nivel máximo de restricións. A hostalaría está pechada e non se permiten tampouco as reunións de non convivintes.

Ademais, a asemblea de especialistas determinou o establecemento do nivel alto de restricións en sete concellos galegos, concretamente en Vilardevós, Ortigueira, Abegondo, Neda, O Saviñao, Sanxenxo e Baiona. A hostalaría pode abrir as terrazas ao 50% e con horario ata ás 21:00 horas.


Así mesmo, quedarán no nivel medio de restricións os municipios de Boimorto, O Carballiño, Ribadavia, Xinzo de Limia, Bergondo, Culleredo, Ponteceso, Arteixo, A Coruña, A Laracha, Betanzos, Camariñas, Laxe, Valdoviño, Coles, Soutomaior, Cangas, Sober e Pantón. O peche dos locais hostaleiros será ás nove da noite. Permítese o uso ao 30% do interior dos establecementos e no exterior, o 50%.


Nos resto dos concellos galegos, están vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo, o mínimo de todos. Tamén se amplía o horario de restaurantes, bares e cafeterías ata ás 21 horas con 75% de límite nas terrazas e 50% no interior.


A mobilidade permítese entre todos os concellos, agás nos tres que están no nivel máximo, con incidencia maior a 500 casos por cada 100.000 habitantes.


Novos cambios para este luns

Sen embargo, o comité clínico volveuse reunir onte e de novo haberá cambios o vindeiro luns. Manterá o nivel máximo de restricións no concello de Beade, logo de escoitar as recomendacións do subcomité clínico de expertos que avalía a situación da Covid-19 en Galicia.

Así mesmo, a asemblea de especialistas determinou o establecemento do nivel alto de restricións en dez concellos galegos, concretamente en Maside, Vilardevós, Cortegada, Abegondo, Ortigueira, O Saviñao, Baiona, Sanxenxo, Pazos de Borbén e Padrenda.


Quedarán no nivel medio de restricións os municipios de Arteixo, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Camariñas, Cangas, O Carballiño, Carral, Celanova, A Coruña, Culleredo, A Laracha, Laxe, Neda, Pantón, Ribadavia, Sober e Xinzo de Limia.


No resto dos concellos galegos, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.


Todas estas novas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro luns, 29 de marzo.

Fonte: Ecos da Comarca

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page