Soben a 12 os municipos que non teñen ningún afectado mentres que os casos se disparan en Lalín e Silleda e na capital dezá hoxe terá lugar un cribado
Laura Moure/Xeral
SÁBADO 1 DE MAIO
Fonte: Ecos da Comarca
Un día máis seguimos informando dos casos de coronavirus nos municipios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, 1 de maio, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou nalgúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que o número pode mudar en calquera momento. Suben de 10 a 12 os municipios que non rexistran ningún caso de Covid-19: Agolada, Dozón, Rodeiro, Santiso, Sobrado dos Monxes, Toques, Antas de Ulla, Monterroso, Touro e O Pino e hoxe súmanse Boimorto e Vila de Cruces. Todos os demais concellos sitúanse nunha taxa de entre 1 e 9 casos, agás Melide, Silleda e Lalín que superan estes valores, e sobre todo neste dos últimos municipios a situación é preocupante ao dispararse os afectados esta semana.
Na comarca arzuana tal e como informa o Sergas, un día máis O Pino e Touro non rexistran casos e hoxe súmase a esta listaxe Boimorto mentres que Arzúa continúa nunha escala de entre 1 e 9 afectados, segundo a incidencia acumulada a 14 días. Todos están no nivel máis baixo de restrincións.
Na comarca dezana, Dozón, Rodeiro e Agolada non teñen ningún novo afectado dende hai semanas e tal e como indica hoxe, sábado, o Sergas Vila de Cruces tamén está libre de coronavirus. Mentres a situación é preocupante en Lalín e Silleda onde os casos se foron disparando ao longo desta semana. Lalín ten 38 casos activos, catro máis ca hai 24 horas, tal e como informou o alcalde do municipio, José Crespo, hoxe despois do mediodía. E Silleda onte tiña14, porque hoxe de momento, non trascendeu a cifra exacta. Todos estes municipios están no nivel mínimo de limitacións, pero o luns Lalín e Silleda pasarán ao medio.
Cribado Lalín
Hoxe, sábado, terá lugar un cribado no Centro de Saúde de Lalín a partir das 16:00 horas. Será un cribado poboacional a máis de 200 persoas da parroquia de Barcia, onde faleceu un veciño de 55 anos esta semana a causa deste virus, e a outros pequenos colectivos que serán citados por mensaxe.
Na comarca Terra de Melide Santiso, Sobrado dos Monxes e Toques non teñen ningún caso, mentres que Melide, segundo os últimos datos, mantese con 10 afectados. Aquí todos os concellos están no nivel máis baixo, pero o municipio melidense o luns pasará ao medio.
Por último, na comarca da Ulloa Antas de Ulla e Monterroso non contabilizan ningún novo afectado unha xornada máis, mentres que Palas de Rei segue tendo entre 1 e 9 contaxios, pero non rexistrou ningún novo caso nos últimos sete días. Todos están no nivel mínimo de limitacións.
Fonte: Ecos da Comarca. *
*Este gráfico fai referencia aos datos de contaxios segundo a incidencia acumulada a 14 días.
Limitacións por municipios
Cabe mencionar que hai establecidos catro niveis de limitacións segundo a incidencia acumulada de contaxios de cada concello. Así a relación de municipios en cada nivel son:
No nivel máximo están Vilanova de Arousa, Cualedro e Carballeda de Valdeorras. A hostalaría está pechada e non se permiten as reunións de non convivintes e a mobilidade.
No nivel alto figuran Petín, Muíños, Verea, A Merca, Meira, O Grove, Ribadumia, Marín, Meaño, Meis, Ponteareas, Salceda de Caselas, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Cambre e Coristanco. A hostalaría pode abrir as terrazas ao 50% e con horario ata ás 21:00 horas para os bares e ás 23 horas para os restaurantes que cumpran os requisitos establecidos.
No nivel medio: os concellos de Lobeira, Lobios, Verín, Cartelle, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras, Trabada, Barreiros, Chantada, Cambados, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Poio, Cangas, Gondomar, Vigo, O Porriño, Nigrán, Tui, Rianxo, Mesía, Carnota, Carral, A Laracha, Betanzos, Carballo e Ares. O peche dos bares é ás nove da noite e permítese o uso ao 30% do interior dos establecementos e no exterior, o 50%. Os restaurantes que cumpran os requisitos estipulados poden pechar ás once da noite.
E por último, no nivel medio-baixo permanecen o resto dos municipios galegos. O horario dos bares e cafeterías é ata ás 21:00 horas e dos restaurantes, que cumpran os requisitos marcadas ás 23:00 horas, con 75% de límite nas terrazas e 50% no interior.
Ademais, a Consellería de Sanidade permite as reunións de non conviventes nos domicilios e limítase a catro persoas no interior das vivendas e a seis en zonas exteriores. E tamén se pode viaxar en coche con persoas non conviventes. Mentres, a mobilidade permítese en todos os municipios, agás nos que están no nivel máximo nos que non se pode entrar nin saír de cada un sen unha causa xustificada.
Así mesmo, hai establecidas as seguintes normas:
O toque de queda agora é ás 23:00 horas.
Os bares e cafeterías manterán o horario de apertura ata as 21:00 horas e os restaurantes poden abrir ata as 23:00 horas (terá que ser con reserva previa, deberán manter rexistro de clientes e contar con medidores de CO2 do aire).
Nas residencias da terceira idade: Sen límites de visitas, polo que poderán visitarlos calquera familiar, pero sempre con cita previa. E os maiores poden saír á rúa tres veces por semana cunha duración de catro horas cada vez.
Galicia segue pechada perimetralmente.
Cambios este luns que afectarán a Lalín, Silleda e Melide
O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola Covid-19, acordou este venres novos cambios nas limitacións dalgúns concellos. Estableceu o nivel máximo de restricións nos concellos de Vilanova de Arousa, Cualedro e Laza.
Así mesmo, determinou o nivel alto en Petín, A Merca, A Pastoriza, Mesía, Ribeira, Padrón, Marín, O Grove, Meaño, Cambados, Salceda de Caselas, Gondomar, Ponteareas e Coristanco.
Ademais, as medidas do nivel medio rexerán nos termos municipais de Muíños, Verea, O Barco de Valdeorras, Cartelle, Lobios, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, Carballeda de Valdeorras, Meira, Chantada, Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Melide, Carnota, Ordes, Lalín, Silleda, Ribadumia, Poio, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Nigrán, O Porriño, Tui, Vigo, A Laracha, Betanzos, Cambre, Carballo e Ares.
No resto dos concellos galegos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.
Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do luns, 3 de maio.
Comments