As cifras seguen manténdose ou descenden nos 17 municipios
Laura Moure
MARTES 23 FEBREIRO
Fonte: Ecos da Comarca
Seguimos con boas novas xa que os casos de coronavirus seguen tendendo á baixa nos municipios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, martes 23, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou nalgúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que as cifras poden mudar en calquera momento. Rodeiro, Dozón, Antas de Ulla e Santiso non rexistran novos afectados e gran parte dos concellos sitúanse nunha taxa de entre 1 e 9 casos. Pero é necesario seguir tomando todas as precaucións para que poidamos vencer a este virus.
Cabe recordar que onte o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou unha desescalada gradual por municipios segundo a incidencia de casos nos últimos 15 días. Habrá un primer nivel, de máximas limitacións vixentes coa hostalaría pechada e sen reunións de convivientes nin mobilidade fóra do concello. Afecta a 17 municipios que teñen taxas superiores a 500 por 100.000 habitantes a 14 días (2,6% da poboación). O segundo nivel estarán os municipios con taxas de entre 250 e 500. Aquí as reunións será de ata catro persoas e permitirase a mobilidade entre concellos coa mesma situación. Serán todos os da área sanitaria da Coruña, Ferrol e Pontevedra. En total son 107 municipios nos que a hostalaría só poderá atender en terrazas e permitiranse as reunións de ata catro persoas non convivintes. Afectarán ao 43% dos galegos. E por último, o terceiro nivel afecta ao resto e son os que teñen por debaixo dos 250 positivos por 100.000 habitantes. A hostalaría abrirá cun aforo do 30% no interior e ao 50% no exterior ata as 18:00 horas. Ademais, abrirán ximnasios e piscinas, pero deberá usarse a máscara. E só se permitirá a mobilidade entre os municipios que estean no mesmo nivel e cabe lembrar que a incidencia depende do número de casos e da poboación de cada municipio. Estas medidas entrarán en vigor este venres.
Na comarca arzuana, Arzúa baixa de 24 a 23 con respecto a hai 24 horas e O Pino, Touro e Boimorto seguen cun rango de entre 1 e 9 afectados. Arzúa está no segundo nivel e o resto, no terceiro.
Na comarca dezana, Dozón e Rodeiro continúan con cero afectados novos. Lalín mantense con 24 e o Concello de Silleda informou despois do mediodía que neste municipio son 23 os casos activos, un menos ca onte e Vila de Cruces e Agolada seguen cunha taxa de entre 1 e 9 afectados. Concretamente, no concello agoladés xa desde venres son oito os casos e sete deles están hospitalizados como informou hoxe o concelleiro de Sanidade, Marcos Galego. Todos os concellos dezás figuran no terceiro nivel.
Na comarca Terra de Melide, unha xornada máis tres municipios seguen cunha taxa de entre 1 e 9 afectados: a localidade melidense, Sobrado dos Monxes e Toques. Mentres que en Santiso, hoxe segundo o Sergas, tampouco se detectou ningún novo caso. De aquí Sobrado queda no segundo nivel, e o resto no terceiro.
Por último, Antas de Ulla, na comarca da Ulloa, contabiliza un día máis cero casos novos e Monterroso e Palas de Rei seguen cunha escala de entre 1 e 9 casos. Todos están no nivel mínimo, é dicir, no terceiro.
Fonte: Ecos da Comarca
コメント