En Melide realizarase un cribado a 1.700 cidadáns de entre 31 e 50 anos entre este venres e sábado no centro de saúde e Lalín solicita un entre as franxas de idade más afectadas
Laura Moure
MARTES 2 FEBREIRO
Fonte: Ecos da Comarca
Seguimos con casos de Covid nas comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, martes 2, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou en algúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que as cifras poden mudar en calquera momento.
Na comarca arzuana, Arzúa rexistra 54, dous máis ca onte. Mentres no Pino e en Touro descenden en dous, e rexistran 44 e 17, respectivamente. Boimorto continúa cunha taxa de entre 1 e 9.
Na comarca dezana, Agolada tiña onte 37 e hoxe baixou a cifra e queda en 35, segundo o concelleiro de Sanidade, Marcos Galego. Dozón mantense cunha taxa de entre 1 e 9 afectados e onte tiña só un caso, pero hoxe descoñécese o número exacto. Lalín rexistra hoxe 81, catro máis que fai 24 horas, e solicitou ao Sergas a realización dun cribado para as franxas de idade máis afectadas. En Vila de Cruces contabilízanse 68, dous máis ca o día anterior e Silleda pasou de 117 a 112. Rodeiro mantense en cinco con respecto a onte. O alcalde deste municipio, Luís López, deu un balance hoxe dos casos rexistrados no mes de xaneiro. Os casos positivos en total foron oito, fronte os 45 que se contabilizaran en decembro. O caso positivo de maior idade foi de 85 anos e de menor, 23. Foron dúas mulleres e seis homes. Ademais, houbo cero hospitalizados e cero falecementos. Houbo oito brotes, en cada un deuse un positivo, agás nun deles que foron dous. E en canto as franxas de idades foron: tres casos entre 20 a 35 anos; dous, entre 36 e 50; un entre 51 e 60 e dous, entre 81 e 90 anos.
Na comarca Terra de Melide, a localidade melidense pasa de 68 a 70 casos e un día máis Sobrado dos Monxes, Santiso e Toques seguen entre 1 e 9, xa que non transcenderon as cifras concretas. Cabe mencionar que o pasado día 26, o Concello de Melide solicitoulle ao Sergas a realización dun cribado pobocional e foi confirmado esta tarde. Será este venres, día 5, no centro de saúde da localidade. Iniciarase pola tarde dese día e acabará a última hora do día seguinte. Realizarán unha mostra aleatoria a 1.700 cidadáns de entre 31 e 50 anos que serán citados a través de mensaxe.
Por último, Antas de Ulla, na comarca da Ulloa, tamén continúa entre 1 e 9 afectados e en Monterroso e en Palas de Rei os casos baixaron en tres tendo así 15 e 68 respectivamente.
Comments