Seguen sendo nove os municipios que non rexistran novos contaxios nos últimos sete días
Laura Moure
MARTES 13 ABRIL
Fonte: Ecos da Comarca
Seguimos informando dos casos de coronavirus nos municipios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, 13 de abril, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou nalgúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que o número pode mudar en calquera momento. Son nove os municipios que non rexistran novos casos nas últimas sete xornadas: Agolada, Dozón, Rodeiro, Santiso, Sobrado dos Monxes, Antas de Ulla, Monterroso, Touro e O Pino. Os demais concellos sitúanse nunha taxa de entre 1 e 9 casos, agás Lalín que ten 10 casos activos. Cabe mencionar que apenas hai cambios con respecto a onte.
Na comarca arzuana, segundo a incidencia acumulada nos últimos sete días, tal e como informa o Sergas, un día máis O Pino e Touro non rexistran novos casos nos últimos sete días mentres que Arzúa e Boimorto están nunha escala de entre 1 e 9 contaxios. Todos están no nivel máis baixo de restrincións, agás Boimorto que desde onte, luns, está no alto.
Segundo a incidencia acumulada nos últimos sete días na comarca dezana, Dozón, Rodeiro e Agolada non teñen ningún novo afectado e Lalín baixa de 11 a 10 casos activos. Mentres, Vila de Cruces e Silleda están nun rango entre 1 e 9 afectados. Concretamente o municipio silledense, tal e como informou onte o Concello, ten un único caso. Todos estes municipios están no nivel mínimo de limitacións.
Na comarca Terra de Melide Santiso e Sobrado dos Monxes continúan un día máis sen contabilizar novos casos nos últimos sete días, mentres que Toques e Melide teñen entre 1 e 9 contaxios. Aquí todos os concellos están no nivel máis baixo.
Por último, na comarca da Ulloa Antas de Ulla e Monterroso non contabilizan ningún novo afectado unha xornada máis, mentres que Palas de Rei volve situarse entre 1 e 9 contaxios. Todos están no nivel mínimo de limitacións.
Limitacións por municipios
Cabe mencionar que hai establecidos catro niveis de limitacións segundo a incidencia acumulada de contaxios de cada concello e que onte luns entraron en vigor novas limitacións que afectan a algúns municipios. Así a relación de concellos en cada nivel son:
No nivel máximo están A Pobra do Caramiñal, O Grove e Carballeda de Valdeorras. A hostalaría está pechada e non se permiten tampouco as reunións de non convivintes.
No nivel alto están Boiro, Barreiros, Pobra do Brollón, Monterrei, A Illa, Boimorto, O Irixo e Carral. A hostalaría pode abrir as terrazas ao 50% e con horario ata ás 21:00 horas.
No nivel medio: os concellos de Rábade, Ribadumia, Soutomaior, Vilaboa, Vilanova, As Neves, Noia, Sanxenxo, Meis, Baiona, Gondomar, Carballiño, Cortegada e Padrenda. O peche dos locais hostaleiros é ás nove da noite e permítese o uso ao 30% do interior dos establecementos e no exterior, o 50%.
E por último, no nivel baixo figuran o resto dos municipios galegos. O horario de restaurantes, bares e cafeterías é ata ás 21:00 horas con 75% de límite nas terrazas e 50% no interior.
Ademais, a Consellería de Sanidade permite desde sábado as reunións de non conviventes nos domicilios e limítase a catro persoas no interior das vivendas e a seis en zonas exteriores. E tamén se pode viaxar en coche con persoas non conviventes. Mentres, a mobilidade permítese en todos os municipios, agás nos que están no nivel máximo nos que non se pode entrar nin saír de cada un sen unha causa xustificada.
Comments