Segue habendo unha ducia de concellos que non rexistran novos contaxios nos últimos sete días porque se suma a esta listaxe Cruces, mentres que Melide volve ter algún caso
Laura Moure
MÉRCORES 7 ABRIL
Fonte: Ecos da Comarca
Continuamos informando dos casos de coronavirus nos municipios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, 7 de abril, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou nalgúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que o número pode mudar en calquera momento. Segue habendo unha ducia de municipios que non rexistran novos casos nas últimas sete xornadas: Agolada, Dozón, Rodeiro, Silleda, Santiso, Sobrado dos Monxes, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei, Touro e O Pino, porque se suma hoxe a esta listaxe Vila de Cruces, mentres que Melide volve ter algún contaxio. Os demais concellos sitúanse nunha taxa de entre 1 e 9 casos, agás Lalín que ten 12 casos activos.
Na comarca arzuana, segundo a incidencia acumulada nos últimos sete días, tal e como informa o Sergas, O Pino e Touro non rexistran novos casos nos últimos sete días, pero hai que recalcar que ambos concellos teñen entre 1 e 9 casos segundo a incidencia acumulada a 14 días. Mentres que Arzúa e Boimorto están nunha escala de entre 1 e 9 contaxios. Todos están no nivel máis baixo de restrincións, agás Boimorto que está no medio.
Segundo a incidencia acumulada nos últimos sete días na comarca dezana, Dozón, Rodeiro, Agolada e Silleda non teñen ningún novo afectado e Lalín mantense con12 casos activos. Mentres, Vila de Cruces tampouco ten novos contaxios segundo a incidencia acumulada a sete días, pero se temos en conta as últimas 14 xornadas segue entre 1 e 9 contaxios. Todos estes municipios están no nivel mínimo de limitacións.
Na comarca Terra de Melide Santiso e Sobrado dos Monxes continúan un día máis sen contabilizar novos casos nos últimos sete días, mentres que Toques ten entre 1 e 9 contaxios e a este rango súmase hoxe Melide, que despois de varias xornadas volve contabilizar algún contaxio. Aquí todos os concellos están no nivel máis baixo.
Por último, na comarca da Ulloa Palas de Rei, Antas de Ulla e Monterroso non contabilizan ningún novo afectado unha xornada máis. Todos están no nivel mínimo de limitacións.
Cabe mencionar que hai establecidos catro niveis de limitacións segundo a incidencia acumulada de contaxios de cada concello.
No nivel máximo continúa o concello de Beade. A hostalaría está pechada e non se permiten tampouco as reunións de non convivintes.
No nivel alto están Abegondo, Baiona, Cortegada, O Irixo, Ortigueira, Padrenda, Pazos de Borbén, A Pobra do Brollón, Rábade, Sanxenxo e O Saviñao. A hostalaría pode abrir as terrazas ao 50% e con horario ata ás 21:00 horas.
No nivel medio: Vilardevós, Celanova, O Carballiño, Ribadavia, Xinzo de Limia, Cangas, Moaña, Gondomar, Meis, Bergondo, Boimorto, Carral, A Coruña, Laracha, Arteixo, Betanzos e Camariñas. O peche dos locais hostaleiros é ás nove da noite e permítese o uso ao 30% do interior dos establecementos e no exterior, o 50%.
E por último, no nivel baixo figurarán o resto dos municipios galegos. O horario de restaurantes, bares e cafeterías é ata ás 21:00 horas con 75% de límite nas terrazas e 50% no interior.
Cambios para este venres
Pero o comité clínico volveu reunirse onte, martes, e estableceu algúns cambios na listaxe de municipios afectados polos distintos niveis de limitacións. Así acordou:
Quedarán no nivel máximo de restricións A Pobra do Caramiñal e O Grove.
Ademais, a asamblea de expertos determinou o establecemento do nivel alto de limitacións en seis municipios galegos: A Pobra do Brollón, Rábade, O Irixo, Monterrei, A Illa e Carral.
Así mesmo, quedarán no nivel medio os concellos de Beade, Cortegada, Padrenda, O Carballiño, Boimorto, Sanxenxo, Meis, Cangas, Gondomar, Moaña e Baiona.
E no resto de municipios estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.
Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas deste venres, 9 de abril.
Fonte: Ecos da Comarca
Comments