Descenden a nove, dous menos ca onte, os municipios que están libres de coronavirus
Laura Moure/IsmaelRS/Xeral
MÉRCORES, 30 XUÑO
Continuamos informando dos casos de coronavirus nos municipios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, 30 de xuño, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou nalgúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que o número pode mudar en calquera momento. Descenden en dous, con respecto a hai 24 horas, os municipios que non rexistran ningún caso de Covid-19: Agolada, Dozón, Silleda, Rodeiro, Santiso, Antas de Ulla, Boimorto, Touro e Toques porque O Pino e Vila de Cruces volven rexistrar algún contaxio. Todos os demais concellos sitúanse nunha taxa de entre 1 e 9 casos segundo a incidencia acumulada a 14 días e os 17 municipios atópanse no nivel mínimo de restrincións.
Na comarca arzuana tal e como informa o Sergas, Boimorto e Touro están libres de coronavirus. Mentres que Arzúa se atopa nunha taxa entre 1 e 9 afectados e hoxe, despois de semanas, tamén ten algún contaxio O Pino.
Na comarca dezana en case todos os concellos este virus tampouco asoma: Agolada, Dozón, Silleda e Rodeiro non teñen ningún caso dende hai días. Lalín ten algún contaxio. Segundo a incidencia acumulada a 14 días, como indica o Sergas, ten entre 1 e 9 afectados e este martes o alcalde do municipio, José Crespo, indicou que hai dous casos activos. E hoxe Vila de Cruces volve ter entre 1 e 9 afectados.
Na comarca Terra de Melide Santiso e Toques non teñen ningún caso, mentres que Melide e Sobrado dos Monxes teñen entre 1 e 9 afectados segundo a incidencia acumulada a 14 días, como indica o Sergas.
Por último, na comarca da Ulloa Antas de Ulla é o único municipio que está libre de Covid, mentres que Monterroso e Palas de Rei, segundo a incidencia acumulada a 14 xornadas, ten entre 1 e 9 contaxios.
Fonte: Ecos da Comarca.
Este gráfico fai referencia aos datos de contaxios segundo a incidencia acumulada a 14 días e no caso de Lalín e Silleda son os casos activos.
コメント