O número segue sendo baixo na maioría dos concellos
Laura Moure
MÉRCORES 24 FEBREIRO

Fonte: Ecos da Comarca
Continuamos informando dos casos de coronavirus que seguen tendendo á baixa nos municipios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, mércores 24, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou nalgúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que as cifras poden mudar en calquera momento. Rodeiro, Dozón, Antas de Ulla e Santiso non rexistran novos afectados e gran parte dos concellos sitúanse nunha taxa de entre 1 e 9 casos. Pero é necesario seguir sendo prudentes e tomar todas as precaucións para que poidamos vencer a este virus.
Na comarca arzuana, Arzúa baixa de 23 a 22 con respecto a hai 24 horas e O Pino, Touro e Boimorto seguen cun rango de entre 1 e 9 afectados. Arzúa quedará o venres no segundo nivel de restrincións e o resto, no terceiro.
Na comarca dezana, Dozón e Rodeiro continúan con cero afectados novos. Lalín descende de 24 a 20 e o Concello de Silleda onte tiña 23 casos activos, xa que de momento, non trascendeu a cifra exacta de hoxe. E Vila de Cruces e Agolada seguen cunha taxa de entre 1 e 9 afectados. Hoxe no municipio agoladés hai exactamente sete, un menos ca onte, tal e como indicou o concelleiro de Sanidade, Marcos Galego.
Na comarca Terra de Melide, unha xornada máis tres municipios seguen cunha taxa de entre 1 e 9 afectados: a localidade melidense, Sobrado dos Monxes e Toques. Mentres que en Santiso, hoxe segundo o Sergas, tampouco se detectou ningún novo caso. De aquí Toques figura no primeiro nivel, Sobrado, no segundo, e o resto no mínimo. Desta forma, en Toques non se permitirá a mobilidade ou a hostalaría terá que seguir pechada. Hoxe no centro de saúde de Toques levarase a cabo un cribado, desde as 15:45 ás 19:45 horas, e están convocadas 480 persoas de entre 25 a 61 anos.
Por último, Antas de Ulla, na comarca da Ulloa, contabiliza un día máis cero casos novos e Monterroso e Palas de Rei seguen cunha escala de entre 1 e 9 casos. Todos están no nivel mínimo, é dicir, no terceiro.

Fonte: Ecos da Comarca
Comments