Sete concellos, un máis ca onte, non rexistran novos casos, xa que se suman a esta listaxe O Pino e Toques, pero Antas de Ulla volve ter algún afectado
Laura Moure
MÉRCORES 17 MARZO

Fonte: Ecos da Comarca
Continuamos informando dos casos de coronavirus nos municipios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, mércores 17 de marzo, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou nalgúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que o número pode mudar en calquera momento. Son sete, un máis ca onte, os municipios que non rexistran novos casos: Agolada, Dozón, Rodeiro, Santiso, Arzúa e hoxe súmase a esta listaxe O Pino e Toques, mentres que Antas de Ulla, despois de semanas volve contabilizar algún afectado. Os demais concellos sitúanse nunha taxa de entre 1 e 9 casos, agás Lalín e Silleda.
Na comarca arzuana, segundo a incidencia acumulada nos últimos sete días, tal e como informa o Sergas, Boimorto e Touro un día máis seguen cunha taxa de entre 1 e 9 afectados. Sen embargo, Arzúa non contabiliza ningún novo caso e hoxe tampouco hai novos no Pino. Todos están no nivel mínimo de restrincións.
Segundo a incidencia acumulada nos últimos sete días na comarca dezana, Agolada, Dozón e Rodeiro non teñen ningún novo afectado; Lalín ten 12 activos, un menos ca onte, e Silleda ten 39 e destes, 36 corresponden á residencia de maiores onde se detectou un gromo a semana pasada. E Vila de Cruces continúa cunha taxa de entre 1 e 9 afectados. Todos estes municipios están no nivel de restrinción media, é dicir no mínimo.
Na comarca Terra de Melide, Sobrado dos Monxes e Melide seguen cun rango de entre 1 e 9 afectados. Concretamente, o municipio melidense ten un único afectado como informou onte pola tarde o Concello mentres que Santiso continúa sen rexistrar novos casos. E Toques tampouco rexistrou novos casos nos últimos sete días. Aquí todos os concellos están no nivel medio de restrincións menos Sobrado que continúa no alto.
Por último, na comarca da Ulloa, a novidade de hoxe e que despois de varias semanas Antas de Ulla volve estar nunha escala de entre 1 e 9 afectados o igual que Monterroso e Palas de Rei que xa levan neste rango varias xornadas. Todos están no nivel mínimo de limitacións.

Fonte: Ecos da Comarca
Comentarios