As cifras seguen sendo baixas con respecto a semanas anteriores
Laura Moure
LUNS 22 FEBREIRO
Fonte: Ecos da Comarca
Empezamos esta última semana de febreiro con novas esperanzadoras xa que os casos de coronavirus seguen tendendo á baixa nos municipios das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa, segundo a información proporcionada hoxe, luns 22, polo Servicio Galego de Saúde (Sergas) ou nalgúns casos por fontes municipais, pero hai que ter en conta que as cifras poden mudar en calquera momento. Rodeiro, Dozón, Antas de Ulla e Santiso non rexistran novos afectados e gran parte dos concellos sitúanse nunha taxa de entre 1 e 9 casos. Pero é necesario seguir tomando todas as precaucións para que poidamos vencer a este virus.
Na comarca arzuana, Arzúa é o único concello das catro comarcas que experimenta un lixeiro aumento xa que pasa de 23 a 24 con respecto a hai 24 horas e O Pino, Touro e Boimorto seguen cun rango de entre 1 e 9 afectados.
Na comarca dezana, Dozón e Rodeiro continúan con cero afectados novos. Lalín baixa de 32 a 24; Silleda ten 24 casos activos, un menos ca onte, tal e como informou esta tarde o Concello e Vila de Cruces e Agolada seguen cunha taxa de entre 1 e 9 afectados.
Na comarca Terra de Melide, unha xornada máis tres municipios seguen cunha taxa de entre 1 e 9 afectados: a localidade melidense, Sobrado dos Monxes e Toques. Mentres que en Santiso, hoxe segundo o Sergas, tampouco se detectou ningún novo caso.
Por último, Antas de Ulla, na comarca da Ulloa, contabiliza un día máis cero casos novos e Monterroso e Palas de Rei seguen cunha escala de entre 1 e 9 casos.
Fonte: Ecos da Comarca
Comments