Deféndese ante as críticas de Adiante Melide e o PSOE sobre a reunión do GDR na que se votou favorablemente a unha proposta da voceira popular de Melide
Ecos da Comarca/Melide
A voceira do PP de Melide, Dalia García, defendese das críticas de Adiante Melide e do PSOE. Esta formación política cuestiona a reunión da Xunta Directiva celebrada o pasado 27 de xullo, na que se votou favorablemente a unha proposta na que Dalia García Couso figura como promotora dun proxecto de rehabilitación dunha Casa Reitoral no Concello de Toques, para a construción dunha pensión ao pé do Camiño de Santiago.
COMUNICADO ÍNTEGRO DE DALIA GARCÍA
1. Neste momento non exerzo ningún cargo retribuído nin recibo nada de ningunha Administración pública. Son voceira do PP como é coñecido no Melide, cargo que
exerzo con moita honra a prol dos veciños e veciñas de Melide. No GDR exerzo
como secretaria, cargo que tampouco está retribuído para ningún representante
da Xunta Directiva.
2. A cuestión que se trata no comunicado AM e PSOE é unha cuestión totalmente persoal, que nada ten que ver coa miña faceta pública como voceira ou representante do PP ou de interese municipal.
3. Lamento profundamente que se utilice a vida privada de cada un como arma política. Os representantes públicos debemos traballar para aquilo que somos escollidos: en beneficio dos veciños e veciñas das nosas vilas.
4. O representante do Concello de Melide no GDR votou na Xunta Directiva do GDR a FAVOR do proxecto, cuestión que resulta incongruente logo do comunicado dos dous grupos políticos con responsabilidades de goberno, xa que o GDR é un foro aberto no que deberían quedar plasmadas todas as inquietudes. Dubidar da valía obxectiva e técnica do propio GDR é un erro que vai en contra do propio órgano que tanto ten beneficiado a todo o territorio ao longo das súas case 3 décadas de existencia.
5. A solicitude de subvención fíxose en base a unha convocatoria pública publicada no DOG que a súa vez se basea nun barómetro público avaliado polo equipo técnico do GDR, ao igual que todos e cada un dos proxectos presentados en cada convocatoria tanto por iniciativa pública como por iniciativa privada.
6. Os actuais representantes municipais AM-PSOE deberían de preocuparse máis por solventar os problemas de Melide que por atentar contra o dereito a emprender dunha persoa que si ben ten responsabilidades de representación pública como voceira da oposición, neste caso utilizan a información á que acceden no proceso de solicitudes dun procedemento como arma política que nada ten que ver coa vida política municipal, autonómica ou estatal: pertence a esfera privada ultraxando o deber de segredo profesional que temos cando accedemos a un cargo público.
7. “Non vou a permitir que ninguén mercadee coa miña vida privada; se os responsables municipais pensan que hai algo que non se axusta a dereito nesta SOLICITUDE -que non CONCESIÓN de subvención- deben actuar inmediatamente en instancias xudiciais; pola contra, serei eu quen actue cando se verten inxurias e rumores sobre a miña persoa que non se axustan a realidade”. “Engado que, nun procedemento no que non hai unha resolución, nun procedemento no cal a acta aínda non é pública, o proceder de AM e PSOE atenta contra os meus datos persoais e intelectuais, polo cal tomarei todas as medidas oportunas ao efecto”.
8. “Os actuais responsables municipais AM-PSOE están inmersos en demasiadas
irregularidades dos que non lles interesa falar, pero darei cumprida información nos próximos días, que non pensen que todos somos iguais”.
Noticia relacionada:
Comments