top of page

Da Silva valora as bonificacións de ata 75% na AP-53 logradas polo BNG e os seus beneficios para Deza

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Aforros para particulares de ata 200 € ao mes ou preto de 2.000 euros ao ano para vehículos pesados, calcula a senadora do BNG


Ecos da Comarca/Deza

Carme da Silva pon en valor o conseguido pola formación nacionalista ante as primeiras e importantes bonificacións da AP-53 para as persoas usuarias de até 75% que entrarán en vigor no primeiro trimestre de 2025, haxa ou non novos Orzamentos do Estado. Da Silva reivindica o papel do BNG nas Cortes do Estado e a capacidade de traballo da organización na defensa dos intereses dos galegos e galegas, e no concreto da comarca de Deza, para rematar “cunha situación inxusta que lastra a capacidade socioeconómica da Galiza". A senadora do BNG estivo acompañada pola deputada do Parlamento de Galiza e concelleira de Lalín, Ariadna Fernández; o portavoz municipal do Concello de Lalín, Paco Vilariño; a concelleira do BNG no municipio de Agolada, Susana Tato; e o responsábel comarcal da organización nacionalista, Xoán Blanco.

“O BNG meteu no Acordo de Investidura a reivindicación de que a AP-53 tiña que ter bonificacións, sendo as mesmas que tiveran na AP-9” recorda Carme da Silva. En aras de cumprir o acordado, e após o traballo do BNG nas Cortes do Estado, Transportes comprometeuse a que a entrada en vigor das bonificacións da AP-53 “sexa no primeiro trimestre de 2025, haxa ou non haxa Orzamentos Xerais do Estado”.


“Estas bonificacións suporán que no traxecto Santiago-Lalín, quen empregue esta autoestrada –por exemplo- para traballar todos os días terá unha rebaixa de 75%. Un aforro de 200€, de facer esta viaxe 20 días ao mes; ou de 100€ se a viaxe se fai 10 días ao mes” subliña a senadora do BNG. Estas bonificacións de 75% para persoas usuarias superrecorrentes, continúa explicando Carme da Silva, son para 20 viaxes: “dez viaxes de ida e de volta”.


Aos vehículos pesados tamén lle afectarán estas bonificacións, supondo a liberación da N-525 de moito tráfico. “Por cada viaxe, sexa cal for o método de pago dos camións, terá garantida unha rebaixa de 20%; se, ademais, fan ese traxecto de forma recorrente -20 veces- suporá unha rebaixa adicional de 50%, co que aforrará 2.000 € ao ano” apunta Carme da Silva.


“Grazas ao traballo do BNG, por introducir as bonificacións na AP-53, repárase esta inxustiza e agravio que levaba dúas décadas lastrando a economía do noso País e, paralelamente, mellórase a seguranza viaria na N-525” reivindica a senadora nacionalista. Estes descontos supón que moito tráfico que até a actualidade estaba empregando a N-525, trasladarase a autoestrada aliviando a circulación en moitos núcleos de poboación da comarca.


Publicidade  

Para o BNG, sinala Carme da Silva, este feito supón solucionar un agravio promovido polo Partido Popular, que contou coa conivencia mesmo do actual alcalde de Lalín. Carme da Silva, neste sentido, insta o alcalde a pedir desculpas por “non ser capaz de empregar a capacidade política que se supón que debería ter mentres estivo gobernando o PP no Estado.


Demostramos, conclúe Carme da Silva, que a representación do BNG nas Cortes do Estado defendendo os intereses dos galegos e das galegas, e neste caso concreto da veciñanza da comarca, “é moito máis útil para Galiza e esta comarca que a inutilidade manifesta do Partido Popular durante os últimos 20 anos”.


Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

"Por culpa do PP vs grazas ao BNG: quen defende os intereses da Galiza?"

"A historia da AP-53 é coñecida pola veciñanza de Lalín porque que esta autoestrada ten unha concesión até 2074 por decisións do goberno do Partido Popular de Aznar: sendo a autoestrada máis cara do Estado e sendo a única que a día de hoxe non ten bonificacións” lembra a senadora nacionalista. “O Partido Popular é o responsábel doloso desta situación porque é, a través de decisións políticas, quen estabeleceu estas condicións e o responsábel directo de dúas décadas de peaxes inxustas na AP-53” sinala.


“Os sucesivos gobernos do Estado, de PP e PSOE, non rebaixaron nunca as peaxes desta autoestrada” apunta da Silva. Unha arma política, lembra a senadora, que os partidos estatais empregaban sempre que estaban na oposición mais esquecían cando gobernaban no Estado. “Había acordos unánimes do Concello de Lalín e mesmo do Parlamento de Galiza mais nin un nin o outro fixeron nada ao respecto” subliña. De facto, recorda Carme da Silva, "Ana Pastor que fóra responsábel da carteira de Fomento entre 2011 e 2016, acudiu a un mitin de Lalín e dixo que había que rebaixar a AP-53 mais cando foi Ministra nunca fixo nada”.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page