Ecos da /Xeral
O 112 Galicia informa que dúas persoas tiveron que ser trasladadas, posiblemente a causa da mala combustión dunha estufa de pellets, en Boqueixón. As dúas persoas afectadas presentaban síntomas de intoxicación e, unha delas, incluso resultou ferida tras sufrir unha caída ao sentirse indisposta.

Un dos implicados foi quen, sobre as 2:15 horas desta pasada madrugada, pediu axuda ao 112 Galicia. Solicitaba unha ambulancia para ela mesma, porque sentíase desvanecida, e o seu irmán tamén sufrira desmaios. Atopábanse na súa vivenda situada no lugar de Pumares, en Sergude, no concello coruñés de Boqueixón.
Decontado, desde o 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Ordes, á Garda Civil e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
Publicidade
Tras chegar ao lugar, a Garda Civil comprobou que había dúas persoas afectadas e que, unha delas chegara a perder a consciencia por momentos. Segundo relataron os axentes, tratábase dunha casa moi pequena, apagaron a estufa e procederon a ventilar. Iso si, confirmaron o traslado dos dous afectados ao centro hospitalario de referencia.
Comments