Dúas persoas feridas nun accidente na parroquia cruceña de Camanzo
Ecos da Comarca/Vila de Cruces

Esta tarde rexistrouse un accidente de tráfico no municipio de Vila de Cruces. En concreto, tivo lugar na parroquia de Camanzo pasados uns minutos das 18:30 horas. O mesmo saldouse con dúas persoas feridas.
Tal e como informa Protección Civil de Vila de Cruces o vehículo impactou contra o muro do parque infantil, situado ao lado da igrexa de San Salvador, na parroquia de Camanzo. "Resultaron feridos o condutor e a acompañante, ambos con sendos golpes na cabeza", indica Protección Civil.
Foron trasladados por unha ambulancia do 061 ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. Ademais de Protección Civil tamén se desprazou ao lugar unha patrulla da Garda Civil de Tráfico.