O BOP de Pontevedra publicou onte a normativa urbanística na que se comezou a traballar hai varias décadas
Laura Moure/Silleda
O Boletín Oficial da Provincia, BOP, de Pontevedra publicou onte, luns, o anuncio da aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Silleda, unha publicación ca que o ansiado documento entra xa en vigor. “Hoxe é un día histórico para Silleda, para toda a veciñanza, o día no que por fin, despois de infindidade de trámites e varios reveses, temos xa o instrumento que nos permitirá medrar”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

O PXOM, foi aprobado definitivamente o pasado 23 de decembro, nun acto de firma no que asistiu a conselleira de Medio Ambiente e Territorio, Ángeles Vázquez. Dende aquela o documento tivo que reformularse e volverse a dilixenciar á Xunta, por cambios descoñecidos polo Concello como a anulación da Carballeira da Empanada como solo de
desenvolvemento.
Este inesperado requerimento da Xunta, provocou, que o documento, xa aprobado, tivera que ser readaptado previamente a súa publicación no Rexistro de Planeamento, que é un requisito obrigatorio para a súa entrada en vigor. Despois de que os técnicos redactores do Plan, traballaron arreo e contrareloxo nas últimas semanas, da man dos servicios técnicos
municipais e autonómicos para reorganizar todo o documento, éste inscribiuse por parte da Xunta de Galicia no Rexistro de Planeamentos, quedando tan só a publicación no BOP que hoxe se fixo efectiva.
“Dende hoxe está xa en vigor en Silleda a norma das normas”, sinalou onte Manuel Cuiña, que reitera o seu agradecemento a todas as persoas que traballaron no documento, aprobado inicialmente en decembro de 2012, pasando “por unha exposición pública modélica en todas as parroquias”, e a chegada da aprobación provisional en 2016, que foi denegada pola Xunta motivado pola sentencia que anulou os Plans Xerais de Verín e Monterrei, e que obrigaba a regularización das traídas municipais “un traballo duro e complicado que ralentizou o proceso”. Superado este escollo, chegou a segunda aprobación provisional, resolvéndose definitivamente o pasado mes de decembro.
“Hoxe é un día feliz para toda a veciñanza de Silleda, un día no que a satisfacción pola entrada en vigor do Plan Xeral, polo que levamos tantos anos de traballo, xestión técnica, atrancos e tramitacións burocráticas... Todas e todos temos que celebrar que Silleda conta por fin, ca pedra angular do seu futuro, un instrumento que permitirá contar con máis solo
industrial, construír vivendas no rural, ter novas zonas de edificación nos cascos e ampliar o solo para dotacións públicas e servizos”.
Nos vindeiros días subirase á web municipal www.silleda.gal o documento cas últimas redefinicións realizadas para a súa aprobación definitiva, para que todos os veciños e veciñas de Silleda consulten o documento.
Comments