CxL solicita un informe de Intervención da situación económica polo regreso das regras fiscais
- ecosdacomarca

- 3 may 2023
- 2 Min. de lectura
Rafael Cuiña agradece a colaboración do grupo municipal socialista á hora de respaldar a petición do seu partido
Ecos da Comarca/Lalín
Compromiso por Lalín vén de solicitar por rexistro un informe do departamento de Intervención pola “enorme e alarmante preocupación que suscita a situación económica na que vai quedar o Concello de cara aos vindeiros exercicios pola nefasta xestión do goberno municipal durante este mandato”.
“Esa preocupación”, lamenta Rafael Cuiña, “vai en aumento ante a confirmación oficial de que a partir do ano 2024 volverán aplicarse as regras fiscais, que estiveron suspendidas dende a pandemia”. “Todo apunta a que nos podemos atopar ante un buraco negro económico derivado da xestión temeraria e caprichosa de Crespo e o Partido Popular”, sostén.

Neste contexto, o candidato de CxL e coordinador do grupo municipal lembra que "o goberno de Crespo vai deixar unha débeda que xa alcanza case os 11 millóns de euros e gastos comprometidos para os vindeiros anos que, polo que sabemos, xa se achegan como mínimo aos 5 millóns de euros”.
A maiores recorda que a propia interventora advertiu de maneira reiterada ao longo deste mandato de que “non se pode garantir para futuros exercicios o mantemento da estabilidade orzamentaria e a regra de gasto” por mor “dun ritmo de gastos sen previsións e non suxeito aos procedementos axeitados de contratación”. Este escenario, segundo alerta a propia funcionaria, podería abocar á facenda municipal á necesidade de realizar un Plan Económico-Financeiro (PEF).
Neste senso, Compromiso por Lalín xa anunciou a realización dunha auditoría externa sobre o estado de saúde económica do Concello en caso de volver ao goberno. Pero tamén quere que a interventora detalle antes das vindeiras eleccións o estado actual e a evolución prevista nos vindeiros anos da débeda municipal e cales son os gastos comprometidos polo goberno de Crespo e o cronograma de execución previsto para os vindeiros exercicios económicos.
“Tamén nos parece fundamental coñecer a súa opinión fundamentada sobre o que ela mesma advirte nos seus informes de aplicar un PEF no Concello de Lalín e sobre as consecuencias que isto tería para a autonomía financeira do Concello”, explica Cuiña.
A solicitude deste informe foi presentado este martes por rexistro coa sinatura da terceira parte dos membros do Pleno, e polo tanto é de elaboración obrigatoria, tal e como recolle a normativa. Neste senso, Rafael Cuiña agradece a colaboración das concelleiras e concelleiros do grupo municipal do PSOE, que respaldaron coa súa firma a petición desta análise económica da situación das arcas municipais.







Comentarios