Ecos da Comarca/Lalín
Compromiso por Lalín denuncia que "o proxecto de saneamento deseñado polo goberno de Crespo para a parroquia da Xesta deixa fóra a varias vivendas, polo que os seus propietarios a pagar do seu peto as actuacións necesarias para realizar o enganche á canalización principal, incluso cando esas obras afectarán a terreos públicos". Así o manifestan veciños e veciñas da Xesta, cos que este mércores estivo reunido o candidato de Compromiso, Rafael Cuiña.
Nese encontro, a integrante de CxL Uxía Ferradás explicou que así o deixou claro esta mesma semana o concelleiro de Obras nunha reunión que mantivo coa veciñanza para informar dos pormenores da iniciativa. “Fomos a intentar resolver as dúbidas que nos suscitaba o proxecto, e atopámonos con esta desagradable sorpresa”, confesa.
Neste escenario, indica que “estamos ante a constatación dun novo engano do goberno do PP á xente da Xesta co saneamento”, afirma. Así, "moitas persoas terán que facer un importante investimento -de case 5.000 euros nalgún caso- para poder contar con este servizo, xa que o Concello, en realidade, non o está garantindo porque ou ben deseñou mal o proxecto ou ben lles importan moi pouco as necesidades da veciñanza”.
Augura ademais que isto é o que vai suceder noutras moitas parroquias nas que, a dous meses das eleccións, lles van ir vendendo o alcantarillado para gañar votos, pero que ao final se atoparán con que “é unha trapallada e un engano”.
Ferradás quere deixar claro que ninguén está poñendo problemas a facerse cargo dos enganches co colector principal na medida en que sexa en terreos da súa propiedade. Porén, “o que carece de toda lóxica e sentido” é que se descargue nos veciños e veciñas a responsabilidade de asumir actuacións que afectan a camiños e propiedades públicas.
“Cando un goberno realiza unha iniciativa destas características, cun importante investimento, debe prever esta situación e incluír todo o que pasa por terreo público”, di, porque “todo o demais é unha tomadura de pelo e un engano intolerable”.
Ferradás sinala que se atopan nesta situación varias casas no novo proxecto. A maiores, hai outras que se queren enganchar á rede vella e que se atopan na mesma situación. "Existe incluso algún caso no que, para poder realizar o enganche á rede de saneamento, debería facer unha canalización afectando á estrada xeral, o que supón un problema engadido de custe e de permisos, ademais de ter que pagar o propio servizo. Está claro que os que gastan cartos públicos non coñecen os problemas económicos que lle pode supoñer isto a unha familia hoxe en día”, di.
Neste contexto, Uxía Ferradás lamenta "as malas formas e a prepotencia do concelleiro de Obras, José Cuñarro, ante as queixas da veciñanza por esta situación". “Ante a nosa sorpresa por ter que facernos cargo dunhas actuacións que non nos corresponden, contestounos que na Xesta “ao Concello só nos falta virvos a remexer as potas”. “Pois non, señor Cuñarro”, responde Ferradás, “as nosas potas remexémolas nós; o que lle falta ao Concello é cumprir a súa palabra e non xogar coas necesidades das veciñas e veciños da Xesta”.
Finalmente, Uxía Ferradás incide en que hai outras cuestións que o Concello debe resolver de maneira urxente na parroquia e para as que non se ofrece unha solución. "Unha é o mal estado da pista da fervenza, o que ocasiona serios inconvenientes aos seus habitantes para poder acceder ás súas casas. En Pontenoufe, mentres, a veciñanza segue quedando incomunicada cada vez que se producen inundacións, unha situación que incluso imposibilitaría o paso dunha ambulancia no caso dunha emerxencia".
Comments