top of page

CxL lamenta que o PP rexeite un cara a cara Crespo-Cuiña "pola súa debilidade e covardía"

Lembra que foi a súa proposta, o seu liderado e a súa vontade de chegar a acordos o que permitirá que Lalín poida ter debates electorais esta campaña


Ecos da Comarca/Lalín

Compromiso por Lalín criticou onte que o Partido Popular rexeite a celebración dun debate cara a cara entre Crespo e Cuiña, tal e como recollía un dos puntos da proposta que se lles remitiu esta semana.


Para Compromiso esta negativa é “o síntoma máis evidente da debilidade e da covardía política do PP: queda claro que Crespo non as ten todas consigo de cara a estas eleccións municipais e de que lle entra o canguelo político ante a posibilidade de que Cuiña deixe en evidencia as súas mentiras, os seus incumprimentos e, sobre todo, seu desastre de xestión durante este mandato”.

ree

Deste xeito, sinala que "o PP bloquea este debate entre xefe do goberno e o líder da oposición -malia que xa está absolutamente normalizado en outros procesos electorais- polo medo a que se visualice aínda con máis claridade a potencia da alternativa liderada por Rafael Cuiña e as diferencias dos proxectos que defenden ambas formacións".


“Estamos convencidos de que unha considerable porcentaxe de veciños e veciñas de Lalín está desexando que se produza ese cara a cara entre Crespo e Cuiña, e de que ademais tería un importante seguimento. Agora toda esta xente xa sabe tamén quen é o responsable de que, en principio, ese debate non se vaia levar a cabo”


Así, para Compromiso, a negativa do PP resulta decepcionante dende o punto de vista democrático e fúrtalle transparencia ao electorado de Lalín. A formación considera que este tipo de actitudes non son as que os cidadáns merecen dos seus representantes. “Necesitamos líderes que estean dispostos a debater con valentía e transparencia para ofrecer solucións reais aos problemas dos veciños e veciñas: Cuiña non ten problemas en facelo, pero Crespo, polo visto, non está nesta liña", din.


Con todo, Compromiso insistirá na solicitude deste debate cara a cara entre Crespo e Cuiña ata o último minuto do último día da campaña electoral. “Nós non temos medo, nin vergoña, nin necesidade de ocultarnos; outros, se queren, poden seguir escondendo a cabeza”, manifestan.


Malia esta situación, Compromiso remarca que “foi o noso liderado do proceso e a nosa vontade de chegar a acordos a que propiciará que a veciñanza de Lalín poida ter debates electorais esta campaña”. “A proposta”, lembran, “foi nosa, a iniciativa tomámola nós e, aínda que o PP dixo non a unha das súas partes, nós decidimos por responsabilidade democrática e altura de miras non poñer trabas ao resto do proceso”.

ree
Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Deste xeito, a única liña vermella que si se marcou para a celebración dos debates foi que fosen abertos ao público, unha condición tamén se comparte por parte do PSOE, con quen se puxo en contacto Rafael Cuiña. Malia as reticencias iniciais do PP e de que en principio non lle facía moita gracia, finalmente eses debates poderán ter público, para o cal -como xa recollía a proposta inicial de Compromiso- se negociarán e fixarán normas e pautas de comportamento.


Finalmente, Compromiso por Lalín pide explicacións polo feito de que catro concelleiros e concelleiras do goberno de Lalín -tres deles ademais con dedicación exclusiva- ofrecesen unha rolda de prensa en horario laboral para facer política partidista a prol do PP, en lugar de atender o seu traballo remunerado. Dende Compromiso lémbranlles que, en política, "hai que ter ética pero tamén estética e non pensar que están por riba do ben e do mal".

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page