top of page

CxL anuncia melloras na área recreativa de Pozo do Boi en Vilatuxe para impulsar o seu potencial

A proposta inclúe a instalación dunha gran tirolina


Ecos da Comarca/Lalín

O concelleiro e integrante da candidatura de Compromiso por Lalín Miguel Medela anuncia que o programa de CxL para as vindeiras eleccións municipais recollerá a proposta de levar a cabo melloras na área recreativa e a praia fluvial de Pozo do Boi, en Vilatuxe.

A iniciativa consistirá na instalación de novos elementos de xogo e lecer para os máis novos, entre eles unha gran tirolina no entorno. Este elemento ten unha gran demanda entre os amantes da aventura e do contacto coa natureza e a súa instalación na área recreativa converterase nun reclamo turístico máis para a zona, ofrecéndolle unha nova experiencia aos visitantes. A maiores, a mellora de Pozo do Boi tamén incluirá a colocación de accesorios e mobiliario para habilitar un pequeno circuíto deportivo na zona. Coidaríase de maneira especial a perfecta integración de todos estes elementos na paisaxe, polo que “teremos unha perfecta simbiose entre lecer e natureza, o que sen lugar a dúbidas incrementará o potencial que ten a área recreativa tanto para veciños como para visitantes”, sinala Medela. Pola súa banda o candidato de Compromiso á alcaldía, Rafael Cuiña, indica que a proposta que lle encargou elaborar a Medela recolle as suxestións de moitas pais e nais de Lalín que teñen crianzas e que consideran que Pozo do Boi reúne as condicións idóneas para pasar tempo de ocio e propiciar o desenvolvemento dos máis pequenos. “Un parque en condicións axeitadas e un circuíto deportivo propiciará que moita máis xente se achegue aquí durante todo o ano e non só na época estival”, conclúe.

De maneira complementaria a estas actuacións, Miguel Medela remarca que tamén se van acondicionar as pistas deportivas de area para a práctica de disciplinas como fútbol, rugbi ou voleibol praia, e que “estiveron bastante esquecidas durante este mandato polo Partido Popular”. Tamén se retirará a caseta que o PP colocou en 2015 e que “non serviu absolutamente para nada máis que para ser obxecto de actos vandálicos e destrozos, mentres o Concello miraba para outro lado”.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page