Cuiña resalta os enormes beneficios que esta medida tería para a zona e remarca que o obxectivo “non é en ningún caso peonalizar esa rúa pola ampla presenza de garaxes”
Ecos da Comarca/Lalín
O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, explica que o seu programa electoral inclúe a apertura dunha negociación con veciños, comerciantes e hostaleiros da rúa Antonia Ferrín Moreiras, a antiga rúa D, para acordar os termos da súa humanización.
O obxectivo desta medida é acometer unha reforma integral dunha das rúas comerciais máis importantes da vila para facela máis atractiva dende o punto de vista urbanístico e contribuír a impulsar a súa dinamización económica e social.
A proposta pasa pola construción dunha plataforma única seguindo o modelo semellante ao que impulsou o anterior principal para o tramo da rúa Matemático Rodríguez que pasa ante a praza de Loriga ou para as rúas Principal e Loriga. Tamén daría continuidade a o proxecto de humanización previsto para un treito da rúa Luís González Taboada.
Deste xeito, a rúa Antonia Ferrín Moreiras convertiríase nun espazo cunha mobilidade máis sostible, na que os peóns gañarían posibilidades, pero mantendo o paso de vehículos, o acceso a garaxes, carga e descarga e o estacionamento.

“Somos conscientes de que se trata dunha zona especialmente sensible, pero cun enorme potencial comercial e hostaleiro, e por iso sentarémonos as veces que faga falta a negociar cos sectores implicados para chegar a un acordo sobre o modelo que resulte máis beneficioso para todos”, afirma Cuiña. A maiores incide en que se adoptarán as medidas administrativas oportunas para que as obras se realicen no menor espazo de tempo posible, co obxectivo de causar os menores prexuízos a veciños, comerciantes e hostaleiros.
En calquera caso, está convencido de que a proposta de Compromiso por Lalín permitirá avanzar nun desenvolvemento que conxugue todos os intereses da zona. “Os propietarios gañarán calidade de vida e benestar, os comerciantes percibirán unha importante mellora nos seus negocios coa chegada dun maior número de clientes e os hostaleiros verán incrementadas as súa posibilidades para, por exemplo, a instalación de terrazas”, explica.
Cuiña remarca de maneira contundente que a intención desta reforma non é transformar a rúa Antonio Ferrín Moreiras nunha rúa peonil. So se pecharía ao tráfico de maneira puntual para a celebración de eventos ou a solicitude do propio comercio e a hostalería para a celebración das súas propias actividades. “O obxectivo”, insiste, “non é peonalizar esa rúa”, recalca, “debido ás súas características, coa presenza de numerosos garaxes”.
Con esta medida, Compromiso adaptará unha das principais arterias do casco urbano ás necesidades do século XXI, avanzando nun modelo de vila máis amable, sostible e atractivo e proseguindo coa ambiciosa humanización do centro posta en marcha no pasado mandato.
MITINS DE CXL PARA O VENRES
ALPERIZ-LOCAL SOCIAL-18:30 horas.
PARADA-LOCAL SOCIAL-19:30 horas.
CADRÓN-LOCAL SOCIAL-20:30 horas.
MUIMENTA-LOCAL SOCIAL-21:30 horas.
Comments