Cuiña: “Traballaremos da man da Deputación para que a piscina climatizada sexa unha realidade"
- ecosdacomarca
- 23 may 2023
- 2 Min. de lectura
Carmela Silva: “Silleda concorreu con éxito a todos os plans extraordinarios da Deputación polo seu rigoroso traballo na presentación de proxectos maduros e transformadores”
Ecos da Comarca/Silleda
A consecución da piscina climatizada é unha das propostas centrais no tocante a novas infraestruturas para a veciñanza de Silleda do programa de Manuel Cuiña. O candidato sinala que esta nova dotación, prevista na parcela municipal xunto á planta da Rede de Calor (na zona deportivo escolar) será unha realidade da man da Deputación. “Traballaremos da man da Deputación para que a piscina climatizada sexa unha realidade neste mandato, aproveitando todas as oportunidades que nos brinda a institución que máis inversión trouxo a Silleda na historia de este Concello”
Así o recoñeceu tamén a presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, na súa visita á localidade onde mantivo un encontro con membros da candidatura de Cuiña. “Manuel Cuiña é o alcalde que transformou este municipio, concorrendo con éxito a todos os plans extraordinarios da Deputación polo seu rigoroso traballo na presentación de proxectos maduros e transformadores. E a piscina non será unha excepción”.

Ambos exemplificaron esta colaboración referíndose en concreto as convocatorias
extraordinarias da Deputación dos últimos anos, entre as que Cuiña destaca os máis de
700.000 euros acadados do programa REACPON para a nova casa consistorial “que
estará lista nas vindeiras semanas”. Cuiña agradeceu o apoio de Carmela Silva
lembrando tamén actuacións xa en marcha como as sendas dende a N-525 ata Toiriz
(que se licitan nos vindeiros días), a dotación de luz en Carboeiro e outras realizadas
como a rotonda das Pedrosas ou as humanizacións de Chousa Nova e o entorno da Residencia de Maiores, sen esquecer o histórico investimento nas pistas do rural co
Plan Concellos.
Silva e Cuiña puxeron tamen en valor a actuación para humanizar e mellorar a
seguridade en toda a zona deportivo escolar de Silleda, que se ten presentado ao Plan
PON2030, cun investimento previsto de máis de 800.000 euros, e que vai servir para
mellorar todos ao colexio, o pavillón, campo de fútbol e escola de Música. “Transformaremos de novo o pobo nunha zona a que acoden diariamente centos de
rapaces e rapazas,” di o alcalde que espera tamén ter o apoio da Deputación para esta
infraestrutura.

Cuiña destacou así mesmo os máis de 14 millóns de euros investidos polo organismo
provincial en Silleda nos últimos oito anos. “Dende as grandes inversións ata as actividades dos colectivos levan o selo compartido da Deputación e o concello. Esta é a
forma de traballar”, resalta Cuiña.
Silva mostrou o seu total apoio ao candidato. “Silleda sabe ten o mellor alcalde, e o 28 os veciños e veciñas o demostrarán co seu voto”
Comentários