top of page

Cuiña pon en evidencia "o vergoñento despropósito do goberno de Crespo coas rúas Principal e Loriga"

Anuncia que, de volver á Alcaldía, poñerá xardineiras en condicións e cun servizo de mantemento axeitado e reubicará os contedores do lixo


Ecos da Comarca/Lalín

O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, lamentou este luns “o constante baile de mamotretos” nas rúas Principal e Loriga. Incide en que é “unha das maiores evidencias do caos absoluto e do vergoñento despropósito no que goberno de Crespo ten sumida a estas importantes arterias do casco urbano dende hai catro anos”.

“Lonxe de aproveitar a humanización que lle deixamos deseñada e preparada durante o anterior mandato para impulsar a vida comercial e social da zona, o PP decidiu meterse nun lamentable bucle de despropósitos que está prexudicando gravemente á actividade na zona e á imaxe de Lalín”, relata. Neste sentido critica que “cada semana nos atopamos cunha nova e desagradable sorpresa”.

Primeiro, sinala "decidiron rebaixar a calidade do proxecto; despois, manter sen cambios o paso de vehículos e o estacionamento para unhas rúas que estaban deseñadas como de prioridade peonil; máis tarde -ante os reiterados aparcamentos irregulares e danos nas xardineiras que eles puxeron á nivel do chan- decidiron colocar uns bloques de pedra; eses mamotretos foron causa de numerosos golpes en vehículos, así que os trasladaron a rúa matemático Rodríguez, outra rúa humanizada polo anterior goberno, e substituíronos por enormes e antiestéticos maceteiros que, un día si e outro tamén aparecen tirados ou cambiados de sitio".


“Todo un esperpento que dá boa mostra do perdido que anda este goberno, que non sabe nin facer o máis básico”, zanxa Cuiña. “É tal a vergoña que sentimos os e as lalinenses polo estado das rúas Principal e Loriga, que xa non nos quedan palabras”, sinala.

O candidato engade que, de volver ao goberno, Compromiso adoptará medidas inmediatas "para evitar este tipo de lamentables situacións: poñeranse as xardineiras en condicións e cun servizo de mantemento axeitado, e reubicaranse os contedores do lixo, xa que non hai nin unha soa rúa humanizada en Galicia que os teña como os ten Lalín”.

Mención aparte merece, para Cuiña, “o triste espectáculo” que se está a dar co peche ao tráfico das rúas nas fins de semana e que carece de toda pauta coñecida ou lóxica. Trátase do “síntoma máis palpable da falta de criterio do goberno municipal, quen durante catro se posicionou e malmeteu contra esta medida, algo ante o que agora calan os que antes protestaban todos os días".

Ademais, lembra que esta pasada fin de semana volveuse cortar a rúa cunha valla, “a mesma que Crespo dixo que ía quitar en canto chegase á Alcaldía”. “Son fenómenos que debería estudar o Vaticano”, ironiza Cuiña.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page